Windows 11 estará dispoñíbel a partir do 5 de outubro

Microsoft anunciou onte a dispoñibilidade de Windows 11 a partir do próximo 5 de outubro. Nesa data, a compañía comezará o despregamento gradual a través dunha actualización gratuíta, que chegará aos ordenadores con Windows 10 que cumpran cos requirimentos necesarios. Ademais, Windows 11 tamén poderá obterse preinstalado nunha ampla variedade de ordenadores novos.

A nova versión de Windows chega con novidades en todas as frontes, entre as que destaca un novo deseño e sons de Windows que buscan transmitir sinxeleza e tranquilidade, a través dun aspecto máis fresco e limpio. Con Inicio, as usuarias e os seus contidos pasan a unha posición central, empregando o potencial da nube e Microsoft 365 para amosar os arquivos recentes, sen importar en que dispositivo os estivera a ver antes.

Outra das novidades ten que ter cos widgets, un novo feed personalizado e optimizado por Intelixencia Artificial que permite ás usuarias acceder á información relevante dun modo máis rápido. Tamén ofrece unha mellor experiencia en xogos, e aproveita o potencial do hardware con tecnoloxías como DirectX12 Ultimate, DirectStorage e AutoHR.

Snap Layouts, Snap Groups e os Escritorios virtuais proporcionan unha forma máis flexíbel de realizar múltiples tarefas e optimizar o espazo en pantalla, e a nova Microsoft Store redeseñouse para facilitar a busca e o descubrimento das aplicacións, xogos, programas e películas nunha única ubicación.

Por outro lado, Microsoft continuará avanzando para levar as aplicacións de Android a Windows 11 e a Microsoft Store a través da súa colaboración con Amazon e Intel. Este obxectivo materializarse a través dunha Preview que chegará ás Insiders de Windows nos próximos meses, polo que aínda haberá que agardar.

Implementación gradual

Como comentamos ao comezo do artigo, a actualización gratuíta a Windows 11 comeza o 5 de outubro, e se irá realizando por fases para garantir a calidade do despregamento. Os novos dispositivos recibirán a oportunidade de actualizar antes, extendéndose o proceso a todos os dispositivos mediante unha actualización intelixente que avalía o hardware do dispositivo, así como outros factores que afectan á experiencia de actualización.

Agárdase que a mediados de 2022 a oportunidade de actualización gratuíta a Windows 11 teña chegado a todos os dispositivos que cumpran os requirimentos mínimos.

As usuarias que conten cun equipo con Windows 10 apto para a actualización recibirán un aviso de Windows Update cando a instalación estea dispoñíbel no seu dispositivo. Ademais tamén é posíbel verificar se Windows 11 está listo para un dispositivo concreto equipado con Windows 10, algo que se pode facer desde Configuración > Windows Update e seleccionando “Buscar actualizacións”.

Soporte para Windows 10 até 2025

Aquelas usuarias cuxos PC non se actualizarán, por exemplo por non estar preparados para dar o salto ao novo Windows 11, Windows 10 seguirá sendo unha opción plenamente válida. Microsoft confirmou que proporcionará soporte a Windows 10 até o 14 de outubro de 2025.

Sobre o autor

Reply