Samsung levará algunhas das funcións da serie Galaxy Z aos modelos anteriores

Os dous últimos terminais encartábeis de Samsung, o Galaxy Z Fold3 5G e o Galaxy Z Flip3 5G, están equipados co One UI 3.1.1, unha interface de usuaria máis intuitiva deseñada por Samsung para aproveitar a gran superficie de pantalla e a forma que ofrecen os novos dispositivos do fabricante surcoreano.

Esta semana a compañía liberou unha actualización de software que leva a experiencia One UI 3.1.1 tamén ao Galaxy Z Fold2 5G, Galaxy Z Flip 5G e Galaxy Z Flip. O Galaxy Fold orixinal, lanzado no 2019, tamén recibirá unha actualización dentro dunha semana.

Entre as principais novidades que trae consigo esta actualización, as máis destacadas son as seguintes:

Deslizar e dividir

Con esta función, as usuarias xa non terán que abrir unha nova pesta e cambiar constantemente de ventá. Permite simplemente deslizar o enlace que desexe consultar até o borde da pantalla e abrilo nunha nova ventá para velo simultaneamente. Deste xeito, por exemplo, é posíbel comparar prezos durante unha compra online.

Entre as aplicacións nas que funciona están o paquete Office ou Samsung Internet, entre moitas outras.

Cambio entre Multi-Active Window e ventá natural

A Multi-Active Window permite empregar até tres apps simultaneamente na pantalla, todas elas dispostas como as usuarias queiran. Con One UI 3.1.1 tamén é posíbel axustar a altura e a anchura das ventás das apps para adaptalas ás necesidades de cada momento.

Para aquelas apps que non teñen soporte incorporado, pódese acceder ao menú de axustes e en funcións avanzadas dirixirse a Labs para activar Multi-window para todas as apps.

Rotación de todas as aplicacións

Moitas usuarias quéixanse de apps que só están dispoñíbeis en modo vertical. Para iso, a última versión da capa de Samsung permite facer o cambio, activando “rotar todas as aplicacións”, dentro da función Labs.

Establecer a relación de aspecto das aplicacións

Grazas ás relacións de aspecto personalizábeis, son as usuarias as que poden maximizar as vantaxes da pantalla Infinity Flex dos smartphones encartábeis de Samsung.

Se por exemplo se queren ver as publicacións en redes sociais – Instagram é un bo exemplo – sen as barras laterais en negro que completan a pantalla, e a app ten un tamaño fixo, desde a función Labs pódese activar este cambio.

Vista dividida de aplicacións

A función de vista dividida permite visualizar, por exemplo, a listaxe de mensaxes á esquerda e contido na dereita. Son moitas as apps que veñen con esta función de serie, como Gmail, pero para os que non tamén se pode activar desde a función Labs.

Panel do Modo Flex

Co actualización One UI 3.1.1, o modo Flex, unha das características encartábeis máis interesantes que ofrece Samsung, vólvese máis potente. No caso das apps que non adoitan ser compatíbeis co modo Flex, pódese forzar activándoo en Labs, de maneira que se pode desfrutar dun control máis doado dos medios mentres se visualiza outro contido.

Duplicar Pantalla Frontal

One UI 3.1.1. fai que as transicións entre a pantalla externa e a interna sexan máis fluídas e intuitivas. Duplicar pantalla frontal permite ter exactamente a mesma configuración e deseño de pantalla de inicio tanto na pantalla externa como na interna.

Para activalo só hai que ir a axustes, seleccionar a pantalla de inicio e pulsar “duplicar pantalla frontal.”

Sobre o autor

Reply