As tarifas de datos ilimitados son un reclamo que cada vez máis operadoras ofrecen á súa clientela. Virgin Telco foi unha das compañías que desde os seus inicios apostou por este tipo de plans que nos permiten empregar todos os datos que precisemos sen térmonos que preocupar por estar conectadas a unha rede WiFi para descargar tempadas completas da nosa serie favorita ou das molestas reducións de velocidade.
Para poder desfrutar de gigas ilimitados no móbil con Virgin é preciso ter contratado tamén unha conexión de fibra óptica na casa. A opción máis económica até o de agora custaba 62 euros, unha cota que agora veñen de rebaixar substancialmente. Deste modo, as usuarias desta compañía poden desfrutar dunha conexión de fibra simétrica na casa con velocidades de 300 Mbps e unha liña de móbil con chamadas e datos ilimitados por 51 €/mes, é dicir, 11 € menos por factura (132 € menos ao ano).
Estas rebaixas tamén se aplican ás liñas adicionais con datos ilimitados, que até o de agora tiñan unha cota mensual de 37 €/mes, pero que xa se poden adquirir por tan só 12 €/mes, un prezo chamado a promover que sexan moitas as persoas que muden a este tipo de tarifas máis vantaxosas.
A cambio destas vantaxes a compañía aumenta os compromisos de permanencia nas tarifas de fibra e móbil, que pasan dos tres aos seis meses, aínda que se manteñen as promocións existentes, como a que permite desfrutar dun ano de Amazon Prime sen custe ao contratar algún paquete de televisión.