Xiaomi patenta un móbil con panel solar para recargar a batería

Poñerlle un panel solar a un smartphone para recargar a súa batería aproveitando as fontes de luz, naturais ou artificiais, non é algo novo. O fabricante surcoreano Samsung xa o fixo no seu momento co Samsung Blue Earth, un terminal fabricado en plástico reciclado de botellas de auga (PCM) que contaba cun panel solar na parte posterior que permitía acadar enerxía suficiente para poder realizar chamadas.

Agora é Xiaomi quen semella estar dando pasos nesta liña de traballo, tal e como se evidencia nos renders que fixo públicos Letsgodigital e podemos ver na cabeceira deste artigo.

As imaxes amosan un dispositivo cuxa carcasa traseira estaría en boa medida ocupada polas celas da placa solar, reservando espazo para os diferentes sensores da cámara, mentres que no lado frontal teríamos unha pantalla ocupando todo o espazo, de maneira semellante a outros dispositivos actuais da marca. E todo isto sen que o trebello teña que renunciar a outras pautas de deseño, como un grosor maior ao habitual.

A existencia desta patente, como temos visto tantas outras veces, non implica que necesariamente vaia haber un terminal de Xiaomi con esta tecnoloxía nos próximos meses, senón simplemente nos dá unha idea dunha das liñas de traballo que está a seguir o fabricante chinés. Quedarían moitas incógnistas por resolver, como por exemplo o nivel de carga que podería ofrecer ou como se evitarían os quecementos da batería ao estar sometida a unha carga continua.

Sobre o autor

Reply