Novas tarxetas microSD Samsung PRO Plus e EVO Plus

Samsung Electronics anunciou onte a súa nova tarxeta microSD PRO Plus, así como a nova versión mellorada da microSD EVO Plus, coas que a compañía pretende proporcionar á súa clientela unha oferta completa para diferentes necesidades, entre elas as profesionais, cunha nova liña de microSDs que ofrecen velocidades de lectura e escritura ultrarrápidas, maior durabilidade e unha ampla variedade de opcións de capacidade.

As novas tarxetas microSD de Samsung están orientadas a ampliar a capacidade de almacenaxe dos dispositivos móbiles, e así capturar fotos de alta calidade, vídeos 4K Ultra HD e outros contidos en cámaras de acción e drones, mesmo en condicións extremas.

As novas microSD ofrecen unha protección mellorada a proba de seis elementos diferentes, dúas capas máis de protección que a xeración anterior, o que as fai capaces de resistir a auga, as temperaturas extremas (en funcionamento entre os -25 e os 85ºC, e non operativas entre os -40 e os 85ºC), os raios X, o desgaste, as caídas e os campos magnéticos. Samsung ofrece unha garantía de 10 anos, o que permite ás usuarias almacenar os datos sen preocuparse pola falta de espazo, á vez que se lles proporciona certo nivel de confianza e seguridade.

A microSD PRO Plus é unha nova incorporación á gama de microSD de Samsung, e está deseñada para as creadoras de contidos máis exixentes, ofrecendo unha velocidade de lectura e escritura de até 160 e 120 MB/s, respectivamente. Poderase adquirir en 128, 2456 e 512 GB de capacidade.

Por outro lado, a microSD EVO Plus está deseñada para usuarias ocasionais, ofrecendo fiabilidade e rendemento estábel durante o uso diario. Ofrece velocidades de até 130 MB/s, proporcionando unha velocidade de lectura secuencial até 1,3 veces máis rápida en comparación coa versión anterior. Esta poderase adquirir en catro tamaños: 64, 128, 256 e 512 GB.

Polo de agora non hai información sobre datas para a súa comercialización ou o prezo ao que se poderán adquirir.

Sobre o autor

Reply