Fibra a 10 Gbps, a nova aposta de Digi

As capacidades da fibra permítennos acadar altas velocidades de conexión nos nosos fogares, se ben é certo que as operadoras van facendo pouco a pouco os incrementos, conforme o mercado o vai precisando. Dese xeito, a meirande parte das operadoras ofrecen plans que van desde os 300 Mbps até 1 Gbps, a velocidade máxima considerada até o de agora como o servizo máis premium a nível residencial.

A operadora Digi vén de deixar atrás esa cifra, ao lanzar o servizo residencial máis rápido que poderemos atopar no mercado, PRO-Digi, que ofrece até 10 Gbps. Con estas velocidades, as usuarias poderán desfrutar de ter todos os dispositivos conectados con mellor velocidade, así como unha mellor experiencia de gaming grazas a unha latencia menor.

Inicialmente este servizo está dispoñíbel nas zonas nas que Digi conta con cobertura propia de Madrid, aínda que é de supór que esta cobertura irase ampliando ao resto de provincias (incluídas as catro galegas) conforme a adopción deste servizo vaia medrando entre a clientela.

Nas condicións de contratación Digi resolve algunhas dúbidas, entre elas as velocidades máximas que poderán desfrutar as usuarias. Aproximadamente 8 Gbps son o ancho de banda utilizábel polos dispositivos, e o resto úsase para a conectividade entre equipos. En calquera caso, para adquirir estas velocidades é preciso empregar conexión por cable RJ45 categoría 6A e tarxeta de rede 10 Gb ou adaptador Thunderbolt 3 de 10 Gb.

Se falamos de dispositivos conectados á rede WiFi, a compañía apunta a unha velocidade de arredor de 6 Gbps, algo que conseguiremos con dispositivos dotados de WiFi 6 ou WiFi 6E, que poden acadar velocidades máximas de 9,6 Gbps, aínda que en situacións teóricas e controladas. As usuarias de terminais con WiFi 5, que acadan velocidades teóricas de 6,9 Gbps tamén serán dos que sexan capaces de aproveitar mellor esta rede.

A nova fibra PRO-Digi de 10 Gbps ten un prezo de 30 €/mes, que inclúe a instalación dun router con tecnoloxías WiFi 6 e XGS-PON, e ten unha permanencia de 3 meses na compañía.

Sobre o autor

No Responses

Reply