Telefónica apaga 56 centrais de cobre en Galiza, o 7,63% do total

O avance nos despregamentos da rede de fibra óptica no noso país vén de permitirlle a Telefónica proceder ao apagado de 56 das 733 centrais de cobre coas que a compañía conta en toda Galiza. A cifra supón un tímido 7,63% do total, e as previsións apuntan a que a finais deste ano serán quen de realizar o apagado de 83 centrais no noso país, o que suporía avanzar até o 11,32% do total. No conxunto do Estado, Telefónica superou as 1000 centrais de cobre apagadas.

Esta medida enmárcase no proceso de dixitalización e transformación de rede que está a facer a compañía, co compromiso estratéxico de emisións netas cero parar 2025. De feito, o peche das centrais de cobre supón un aforro enerxético de máis de 1000 GWh, o que equivale a 355.000 toneladas de CO2.

Situación por provincias

Na provincia da Coruña apagáronse 23 das 257 centrais de cobre existentes, 10 das 131 na de Lugo, 10 das 179 de Ourense e 13 das 166 existentes en Pontevedra. En canto á cobertura de fibra, na actualidade máis do 64% da poboación da provincia da Coruña xa dispón de cobertura FTTH, un porcentaxe que se sitúa por riba do 40% en Lugo, do 65% en Ourense e do 70,6% en Pontevedra.

Se falamos de cobertura móbil, Telefónica sinala que o 98,5% da poboación de Galiza dispón de cobertura 4G, e un 78,1% de 5G, aínda que esteamos a falar de redes 5G NSA.

O peche das centrais de cobre en cifras

Desde que Telefónica iniciou o seu plan de peche das centrais de cobre desmontáronse 65.000 toneladas de cable, recicláronse 7.140 toneladas de RAEEs (Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) e outros elementos, reutilizáronse máis de 128.000 tarxetas da súa rede e aforráronse arredor de 1000 gwh (255.000 tCo2).

En canto á redución do espazo, unha central de fibra dá servizo ao mesmo número de accesos que se atende desde catro centrais de cobre, e a tecnoloxía de acceso de fibra ocupa só o 15% do espazo do acceso de cobre. Deste modo, o proceso de peche das centrais de cobre conleva tamén un impulso da economía circular.

Sobre o autor

Reply