Novos membros da familia Xiaomi 11T

O xigante chinés Xiaomi fixo esta semana varios anuncios, entre eles o de tres novos smartphones que chegan para completar a familia Xiaomi 11. Trátase do Xiaomi 11T e Xiaomi 11T Pro, dous modelos deseñados para orientarse a que as usuarias saquen toda a súa creatividade, e por outro lado o Xiaomi 11 Lite 5G New Edition, que como reza o seu nome é unha revisión do 11 Lite.

A carta de presentación para o Xiaomi 11T Pro é vendelo como “o buque insignia para as amantes do cinema”, mais na súa folla de características o que máis chama a nosa atención é a implementación da nova tecnoloxía de carga Xiaomi HyperCharge de 120W, desenrolada pola propia compañía. Esta innovación permite a carga do 100% da batería en tan só 17 minutos, o que minoriza o tempo de inactividade do dispositivo. Está baseada na combinación de diversas tecnoloxías, como as bombas duais de carga, a estrutura de batería de dobre célula, o MTW, a aplicación do grafeno na batería de ións de litio e a tecnoloxía Mi-FC. A seguridade da batería e do proceso de carga está garantida por unha certificación TÜV Rheinland de sistema de carga rápida segura.

Máis aló diso, o Xiaomi 11T Pro leva un procesador Qualcomm Snapdragon 888 no seu interior para ofrecer a potencia necesaria para impulsar diversas funcións baseadas en intelixencia artificial. Na fotografía, destaca unha configuración de triple cámara, cun sensor gran angular de 108 MP, un telemarcro 2x e un obxectivo ultra gran angular de 120º. Ademais, ofrécense capacidades de “gravación computacional”, incorporando nun só clic os modos de cine AI, gravación 8K e HDR10+, o que permite ás usuarias capturar imaxes coa mesma tecnoloxía ISO intelixente das cámaras dixitais.

A súa pantalla é un panel DisplayMate A+ de 6,67 polgadas con resolución FHD+ 120 Hz AMOLED, que está equipada con tecnoloxías como TrueColor, DolbyVision e HDR10+. Presenta máis de mil millóns de cores, conta con 1000 nits de brillo máximo e está protexida por Corning Gorilla Victus, a versión máis recente de Gorilla Glass. En canto ao son, o trebello leva altofalantes duais SOUND BY Harman Kardon.

En canto ao Xiaomi 11T, temos un terminal moi semellante, pero que no seu interior leva un procesador MediaTek Dimensity 1200-Ultra de baixo consumo, e unha batería de 5000 mAh de capacidade con carga de 67W, co que consegue acadar o 100% da carga en 36 minutos.

Ambos os dous modelos, o Xiaomi 11T Pro e o Xiaomi 11T chegan en tres cores (gris, branco e azul), e se poderán mercar a través das canles habituais de Xiaomi.

Por último, o Xiaomi 11 Lite 5G New Edition é un modelo ultrafino e lixeiro, de apenas 6,81 mm de grosor e 158 gramos de peso, que se pode mercar en catro cores (negro, azul, rosa e branco).

A súa pantalla é un panel AMOLED DotDisplay de 6,55 polgadas, compatíbel con TrueColor de 10 bits e Dolby Vision, e no seu interior leva un procesador Qualcomm Snapdragon TM 778G 5G, xunto cunha batería de 4250 mAh e carga rápida de 33W. A súa cámara está formada por un sensor principal de 64 MP, un gran angular de 8MP eoutro sensor telemacro de 5MP.

Dispoñibilidade e prezo

Os novos Xiaomi 11T e Xiaomi 11T Pro chegarán ao mercado proximanente, cuns prezos que dependerán das opcións de memoria escollidas:

  • Xiaomi 11T (8 + 128 GB): 499 euros
  • Xiaomi 11T (8 + 256 GB): 549 euros
  • Xiaomi 11T Pro (8 + 128 GB): 649 euros
  • Xiaomi 11T Pro (8 + 256 GB): 699 euros
  • Xiaomi 11T Pro (12 + 256 GB): 749 euros

Sobre o autor

Reply