O último evento de Xiaomi trouxo consigo moitas novidades, entre elas a chegada oficial da primeira tablet da compañía que aterra no noso país. Trátase da Xiaomi Pad 5, un dispositivo que destaca pola súa pantalla 2,5K a 120 Hz e por incluír un procesador Qualcomm de gama alta no seu interior, co obxectivo de medirse coas tablets máis relevantes do mercado.
Como dicimos, o interior da tablet está protagonizado polo seu “corazón”, o procesador Qualcomm Snapdragon 860, que está acompañado de 6 GB de memoria RAM e 128 ou 256 GB de memoria interna, segundo versións. A súa pantalla é un panel de 11 polgadas con resolución 2560 x 1600 píxeles (275 ppp), cunha taxa de refresco de 120 Hz e tecnoloxía LCD – 10 Bit TrueTone, HDR10 e Dolby Vision.

No apartado das cámaras temos un sensor principal de 13 megapíxeles e unha cámara dianteira de 8 megapíxeles. A súa batería sitúase nos 8720 mAh de capacidade, con carga rápida a 22,5W, e completan a súa folla de características a conectividade WiFi 5 e Bluetooth 5, así como a presenza de 4 altofalantes con son Dolby Atmos e a compatibilidade co lapis “Pencil”, que permite tomar notas con bastante precisión-
Como sistema operativo leva Android 11, aínda que coa interface propia de Xiaomi, adaptada a tablets (MIUI for Pad), coa que a compañía aspira a sacarlle o máximo partido ao formato de maior tamaño. Presume de que esta interface é compatíbel con máis de 300 aplicacións.

Dispoñibilidade e prezo
A nova tablet de Xiaomi sairá á venda en dúas cores, Cosmic Gray e Pearl White, por 399,99 euros na versión de 128 GB, aínda que como promoción de lanzamento estará dispoñíbel por 299,99 € durante 24 horas a partir das 09 horas do día 23 de setembro.
Pola súa banda, o lapis ten un prezo de 100 euros.