Amazon presenta a nova xeración de Kindle Paperwhite e o novo Kindle Paperwhite Signature Edition

A multinacional Amazon vén de anunciar a nova xeración de Kindle PaperWhite con dous novos modelos: a nova xeración de Kindle PaperWhite e o primeiro Kindle Paperwhite Signature Edition. Durante anos, o Kindle Paperwhite tense convertido no Kindle máis popular, e a nova xeración combina un hardware premium, un rendemento máis rápido e unha interface de usuaria redeseñada, que proporciona unha experiencia de lectura máis agradábel.

Partindo dun prezo de 139,99 €, o Kindle Paperwhite vén cunha pantalla máis grande, unha nova luz cálida axustábel e unha maior autonomía, mentres que a nova Signature Edition engade un sensor de luz autoaxustábel, e é o primeiro Kindle que ofrece carga sen fíos.

O Kindle Paperwhite combina unha pantalla de 6,8 polgadas – a máis grande que tivo nunca un Kindle Paperwhite – cuns biseis máis pequenos de 10,2 mm. Ten 300 píxeles por polgada, sen reflexos, e ofrece texto de calidade láser, semellando o papel, facilitando a lectura en todas as condicións, mesmo con luz solar directa. Ademais, ofrece un 10% máis de luz co brillo máximo para garantir que a luz sexa máis cómoda para os ollos, e a luz cálida axustábel e o modo escuro sobre negro ofrecen flexibilidade para ler en calquera momento. Como se avanzou, a versión Signature Edition vén tamén cunha luz frontal que adapta automaticamente o brillo da pantalla en función da iluminación que arrodea á usuaria.

Como vén sendo habitual, os dispositivos Kindle ofrecen unha autonomía de semanas cunha única carga. A compañía apunta a 10 semanas, a maior duración en Kindle desde as súas orixes. Ademais, para maximizar o tempo de lectura, a carga por USB-C tarda 2,5 horas en completar a carga do dispositivo empregando cargadores de 9W ou máis. O modelo Signature Edition ofrece ademais carga sen fíos, compatíbel cos cargadores do estándar Qi. Non menos importante é sinalar que cunha clasificación IPx8, o Kindle Paperwhite está deseñado para soportar caídas accidentais e é resistente á auga, para poder ler na piscina ou na bañeira.

Dispón de 8 GB de memoria interna (32 GB no Signature Edition), e a súa experiencia de lectura é completamente nova, xa que o Kindle Paperwhite vén cunha interface de lectura redeseñada, na que se engaden características novas que ofrecen unha experiencia máis doada e intuitiva, aínda que conservan funcións estrela, como Whispersync, que garda e sincroniza a última páxina lida, os marcadores e as notas entre todos os dispositivos e aplicacións Kindle.

Dispoñibilidade e prezo

O novo Kindle Paperwhite custa 139,99 € (149,99 € sen publicidade, opción que compensa) e está dispoñíbel con 8 GB en cor negro, mentres que o Kindle Paperwhite Singature Edition custa 189,99 € e chega con 32 GB de capacidade, tamén en negro.

Ambos modelos poden mercarse en prevenda, e o 27 de outubro comezará a enviarse o modelo básico. Aquelas usuarias que opten polo Signature Edition deberán agardar aos envíos a partir do 10 de novembro.

Xunto a estes modelos, Amazon ofrece novas fundas de coiro, corcho e tela, que se poderán mercar en negro, azul mariño e lavanda.

Máis información | Amazon

Sobre o autor

Reply