Microsoft amplía a familia Surface con novos dispositivos deseñados para Windows 11

Microsoft anunciou onte a chegada de novos dispositivos e accesorios que veñen a ampliar a súa familia de trebellos Surface, que continúan unha serie de produtos que destacan pola súa versatilidade, deseño e calidade dos materiais. Estas novas incorporacións á familia Surface chegarán ao noso país entre os meses de outubro deste ano e comezos de 2022, e están enfocados á produtividade, especialmente en entornos de traballo híbridos, destacando a relación de aspecto 3:2 das súas pantallas – axeitada para o traballo con documentos – e a calidade das súas cámaras.

Surface Go 3: mesmo deseño e máis potencia

A Surface Go 3, o 2 en 1 con pantalla táctil máis portátil até o de agora, renóvase por dentro para ser até un 60% máis rápido, conservando o seu deseño. Esta nova xeración permite ás usuarias elixir entre procesadores Intel Core i3-10100Y ou Pentium Gold 6500Y e até 8 GB de memoria RAM, e conta cunha batería que proporciona até 11 horas de autonomía e diferentes características enfocadas a maximizar a seguridade do dispositivo e os seus datos.

A súa pantalla de 10,5 polgadas PixelSense está optimizada para o uso táctil e a través do lapis dixital, ofrecendo unha versatiliadde e unha portabilidade que a fan ideal para tarefas cotiás, tanto para o ocio como para maximizar a produtividade en sectores como o educativo ou o empresarial.

Pesa 544 gramos, e dispón de dúas cámaras 1080p HD, micrófonos de alto alcance, Dolby Audio e conexión LTE opción, o que fai que sexa un dispositivo idóneo para conectarse, colaborar ou xogar desde calquera lugar.

Estará dispoñíbel no noso país desde o 5 de outubro a partir de 439 €, pero xa é posíbel acceder á prevenda a través da Microsoft Store, onde o estudantado pode desfrutar dun desconto especial do 5%.

Surface Duo 2: máis aló dun smartphone

A Surface Duo 2 está pensada para levar o potencial de Microsoft 365 no peto, nun dispositivo que destaca por ofrecer produtividade e entretemento en calquera lugar, grazas á súa dobre pantalla interna. A diferenza da versión orixinal, que obrigaba a abrir o dispositivo para consultar calquera notificación, Microsoft habilitou nun lateral da pantalla un espazo para notificacións que nos permite non ter que abrilo constantemente para ese cometido.

Leva dúas pantallas PixelSense AMOLED de 5,8 polgadas con resolución FHD+ (1892 x 1344 píxeles), que constrúen unha pantalla de 8,3 polgadas en conxunto, con taxa de refresco de 90 Hz. No seu interior leva un procesador Qualcomm Snapdragon 888 5G, con 8 GB de memoria RAM e opcións de 128, 256 ou 512 GB de capacidade interna, ademais de NFC para pagos móbiles.

A cámara é un dos aspectos nos que máis mellora esta nova versión, introducindo un sistema de triple cámara, formado por unha cámara principal de 12 Mpx con f/1.7 OIS, un sensor gran angular de 16 MP con f/2.2 e un telefoto de 12 MP con f/2.4.

A súa batería é de 4.400 mAh de capacidade, leva cargador USB-C, Bluetooth 5.2, WiFi ac, dual SIM, e por suposto 5G. Como sistema operativo ten Android 11.

Surface Duo 2 chegará o 15 de novembro a España, exclusivamente a través da canle comercial dirixida ao mercado empresarial, e terá un prezo de partida de 1649 euros.

Outros dispositivos da familia Surface

Ademais dos modelos dos que acabamos de falar, Microsoft tamén anuncou outras importantes incorporacións á familia Surface, que chegarán ao noso país entre outubro deste ano e comezos de 2022:

  • Surface Laptop Studio. É a evolución de Surface Book, un dispositivo con tres modos de traballo diferentes (estación de traballo, escenario e estudo), o que multiplica a versatilidade. Conta cun espazo de almacenaxe e carga baixo o teclado para o seu lapis dixital, o Surface Slim Pen 2.
  • Surface Pro 8. Constitúe un salto significativo respecto ás anteriores versións do icónico 2 en 1 de Microsoft. Estrea unha pantalla de 13 polgadas e alta resolución, así como un chasis con bordes máis curvados para refinar o seu perfil e manter o seu formato ultra portátil. Surface Pro 8 conta con procesadores Intel de 11ª xeración, unha nova selección de portos (destacando dúas conexións Thunderbolt) e unha mellora substancial en altofalantes e cámaras. Ademais, chega cunha nova funda – teclado Type Cover que inclúe espazo de almacenaxe e carga sen fíos para o Surface Slim Pen 2.
  • Surface Pro 7+ amplía o seu enfoque máis aló do ámbito empresarial, pasando a estar dispoñíbel para todo tipo de usuarias, que poderán desfrutar dos últimos modelos de procesador, maior duración da batería e SSD extraíbel para a conservación de datos.
  • Surface Pro X. Tamén se renova, cun novo modelo enfocado a diferetnes tipos de público, cunha opción só WiFi que conta cun prezo máis asequíbel. Está pensado para usuarias que buscan flexibilidade e mobilidade cun dispositivo lixeiro e delgado, con soporte a pliacións nativas e emulación X64 que dá vida ao ecosistema Windows.
  • Surface Slim Pen 2, un novo lapis que ofrece maior control, precisión e reacción ante o seu uso, mellorando a experiencia e asemellándoa máis a usar lapis sobre o papel. Pode gardarse e cargarse nos dispositivos Surface compatíbeis.
  • Surface Adaptive Kit, un pack para maximizar a accesibilidade aos dispositivos Surface ás persoas con diferentes discapacidades.

Como xa se avanzou, todos estes produtos irán chegando ao noso mercado desde o próximo mes a comezos de 2022, polo que iremos dando conta das novidades cando se vaian producindo.

Sobre o autor

Reply