HDM Global vén de anunciar o lanzamento dun novo membro da familia “serie G”, o Nokia G50. Trátase do smartphone Nokia 5G máis asequíbel até o de agora, nunha aposta por democratizar o acceso a esta nova tecnoloxía de conexión nun momento no que este tipo de redes están en plena expansión polo noso país.
O Nokia G50 está equipado cunha pantalla de 6,82 polgadas con resolución HD+, recurtada por unha pequena cella en forma de V, e admite un brillo de 450 nits. No seu interior temos un procesador Qualcomm Snapdragon 480, xunto con 4 GB de memoria interna e opcións de 64 e 128 GB de capacidade de memoria, que en calquera dos dous casos podemos ampliar en 512 GB adicionais a través de tarxetas de memoria.
A súa cámara frontal é de 8 MP, e na parte traseira temos unha cámara triple, formada por un sensor principal de 48 MP que se complementa cun gran angular de 5 MP e un sensor de profundidade de 2 MP.
En canto á conectividade, ademais das redes 5G tamén leva Bluetooth 5.0, conexión USB-C, jack de audio de 3.5 mm, WiFi 802.11 a/b/g/n/ac/ax-ready, ademais de NFC para poder facer pagos móbiles coa aplicación do noso banco ou a través de Google Pay. A súa batería é de 5.000 mAh de capacidade, con carga rápida de 18W.
Vén de fábrica con Android 11, e a promesa de actualizacións durante “bastante tempo” (no caso das actualizacións de seguridade mensuais, cando menos 3 anos). Como vén sendo habitual nos móbiles Nokia, o sistema operativo chega sen apenas personalizacións, cunha experiencia “pure Google”, que ademais se complementa cunha tecla física adicada ao acceso rápido ao asistente de Google.
Dispoñibilidade e prezo
O novo Nokia G50 xa está dispoñíbel na tenda online de Nokia, aínda que tamén se pode mercar noutras tendas online a través dos principais establecementos de electrónica de consumo. Existen dúas versións en canto a capacidades da memoira interna (64 ou 128 GB) e tamén en canto a cores: “Ocean Blue” (azul) e “Sol de Medianoite” (dourado).
As persoas interesadas en mercalo poden facelo xa na tenda de Nokia, aínda que polo de agora só está dispoñíbel en stock a versión azul. O modelo de 4 + 64 GB custa 259 €, e o de 4 + 128 GB ascende a 279 €. Adicionalmente, e como promoción, Nokia ofrece un 30% de desconto en audio ao comprar o móbil.