Redmi 10, a nova aposta de Xiaomi para a gama entrada

Xiaomi anunciou no día de onte o Redmi 10, o seu novo terminal de gama entrada. Trátase dun dispositivo que se actualiza incorporando interesantes novidades respecto ao seu predecesor, algunhas delas que apuntan aun nivel superior ao que se enmarca, como a cámara de alta resolución de 50 MP.

O novo Redmi 10 está equipado cunha pantalla de 6,5 polgadas, con resolución FullHD+ (2400 x 1080 píxeles), e taxa de refresco de 90 Hz. No seu interior temos un procesador MediaTek Helio G88, construído en 12 nm e composto por oito núcleos (2 x ARM Cotex-A77 a 2.0 GHz e 6 x ARM Cotex-A55 a 1,8 GHz), xunto con tres configuracións de memoria: 4 + 64 GB, 4 + 128 GB ou 6 + 128 GB, para memoria RAM e memoria interna, respectivamente, que en todos os casos poderemos ampliar a través de tarxetas microSD de até 512 GB. En calquera caso, ao noso país non chega – de momento – a versión de 6 GB de RAM.

A súa cámara principal é un dos elementos que máis destaca na folla de especificacións. É de 50 MP, con apertura f/1.8, e vén acompañada de outros tres sensores: un de 8 MP ultra gran angular (120º, f/2.2), un sensor macro de 2 MP (f/2.4) e un sensor de profundidade, tamén de 2 MP (f/2.4). Na parte frontal temos unha cámara única de 8 MP con f/2.0.

A súa batería é de 5000 mAh, con carga rápida de 18W (e cargador de 22,5 W incluído), e que se ve optimizada con funcións como AdaptiveSync, que axusta automaticamente a taxa de refresco da pantalla ao contido, facendo que a batería sexa moito máis duradeira, xa que aumentará esta taxa só nos momentos nos que realmente as usuarias o necesiten. Tamén leva NFC para pagos móbiles a través de apps como Google Pay, e o seu sistema operativo é Android 11 de base, coa capa propia MIUI 12.5.

Dispoñibilidade e prezo.

O novo Redmi 10 está dispoñíbel en tres cores (negro, branco e azul) e en dúas variantes, 64 e 128 GB, en ambos casos con 4 GB de RAM, xa que como avanzamos anteriormente a versión de 6 GB de RAM non se comercializa no noso país, cando menos polo de agora.

Durante 48 horas poderase disfrutar dunha promoción “Early Bird” na versión de 64 GB, cun custe de 159,99 € en Amazon, PCComponentes, Mi Stores e Mi.com. Posteriormente o seu prezo será de 179,99 €. Así mesmo, a versión de 128 GB estará dispoñíbel por 199,99 € en Alcampo, Amazon, Carrefour, El Corte Inglés, FNAC, Goboo, Media Markt, PCComponentes, The Phone House, Mi Stores e Mi.com.

Sobre o autor

Reply