O Fairphone 4 chega de maneira oficial ao noso país

A cuarta xeración do teléfono modular e sostíbel Fairphone xa é unha realidade. Logo da paréntese que supuxo o 2020, cando a compañía detrás deste proxecto presentou unicamente un terminal con actualizacións menores, o Fairphone 3+ (e que viña a ser un Fairphone 3 “vitaminado”), agora dá o salto ao Fairphone 4, que se poderá mercar nuns días no noso país.

Entre as novidades máis destacadas deste novo Fairphone está a conectividade 5G, unha das características máis reclamadas polas usuarias, e algo ao que o dispositivo accede grazas á presenza dun dos procesadores estrela nesta gama, o Qualcomm Snapdragon 750G. Leva unha pantalla IPS LCD de 6,3 polgadas, con resolución FullHD+ e protección de cristal Gorilla Glass 5. No seu interior temos 6 ou 8 GB de memoria RAM e 128 ou 256 GB de capacidade interna, dependendo da versión escollida.

A súa batería é de 3905 mAh de capacidade, compatíbel con carga rápida Quich Charge 4.0 de 20W. Dispón de diversas opcións de conectividade, como función dual SIM, Bluetooth, WiFi, 5G, NFC para pagos móbiles a través de aplicóns dos propios bancos ou Google Pay e porto USB-C, aínda que carece de jack para auriculares. O sistema operativo co que sae de fábrica é Android 11, unha versión practicamente limpa, e a marca está ofrecendo tres actualizacións completas do sistema operativo, polo que chegará a ter Android 14 no seu momento. Así mesmo, Fairphone tamén ofrece unha garantía de 5 anos.

No apartado fotográfico destaca especialmente a cámara frontal, onde a compañía decidiu implementar un sensor de 25 MP, mentres que para a traseira apostou por unha configuración de triple cámara, formada por un sensor principal de 48 MP, un sensor gran angular tamén de 48 MP e un sensor ToF 3D para a lectura de profundidade.

Dispoñibilidade e prezo

O Novo Fairphone 4 porase á venda o próximo 25 de outubro no noso país, se ben xa é posíbel facer a reserva a través da web da compañía. Está dispoñíbel en tres cores (negro, verde e verde moteado), e dúas configuracións de memoria:

  • 6 + 128 GB: 579 € (só en gris)
  • 8 + 256 GB: 649 € (dispoñíbel nas tres cores)

Entre as vantaxes deste dispositivo está a súa modularidade, o que fai que sexa facilmente reparábel polas usuarias. Ningún dos compoñentes está pegado, polo que se poden cambiar facilmente cun desparafusador. Ademais, Fairphone tenos á venda na súa tenda, polo que é doado facerse con eles para substituílos en caso de necesidade.

Máis información | Fairphone

Sobre o autor

Reply