O día da súa presentación chegou con todo o que se podería saber deles xa filtrado, pero agora toda esa información é oficial. Falamos do Pixel 6 e do Pixel 6 Pro, os dous novos smartphones con selo Google que abandeiran a nova versión de Android 12 e que chegan presumindo de batería e un deseño renovado.
Especificacións técnicas
Os dous novos smartphones de Google presentan similitudes e diferenzas nas súas especificacións. Se ben é certo que comparten cousas como o procesador, o certo é que o modelo Pro ofrece máis pantalla, máis memoria RAM, mellores cámaras (zoom e frontal) e algún que outro detalle adicional que fan que sexa máis interesante para o público que quere exprimir os seus dispositivos ao máximo. A continuación resumimos as principais características nun cadro:
Google Pixel 6 | Google Pixel 6 Pro | |
---|---|---|
Pantalla | AMOLED de 6,4 polgadas Ratio 20:9 FullHD+ a 2.400 x 1.080 Refresco de 90Hz HDR10+ Gorilla Glass Victus | P-OLED de 6,71 polgadas Ratio 20:9 QHD+ a 3.120 x 1.440 Refresco de 120Hz HDR10+ Gorilla Glass Victus |
Procesador | Google Tensor a 2,8GHz GPU Mali G78 MP10 | Google Tensor a 2,8GHz GPU Mali G78 MP10 |
Versións (RAM / memoria interna) | 8GB/128GB 8GB/256GB | 12GB/128GB 12GB/256GB 12GB/512GB |
Cámaras raseiras | Principal: 50 megapíxeles f/1.85 OIS Angular: 12 megapíxeles f/2.2 Flash LED dual | Principal: 50 megapíxeles f/1.85 OIS Angular: 12 megapíxeles f/2.2 Zoom: 48 megapíxeles f/3.5 4X Flash LED dual |
Cámara frontal | 8 megapíxeles | 11.1 megapíxeles |
Batería | 4.600 mAh Carga rápida de 30W Carga sen fíos | 5.000 mAh Carga rápida de 30W Carga sen fíos |
Sistema operativo | Android 12 | Android 12 |
Conectividade | Dual SIM (eSIM) WiFi 6E Bluetooth 5.2 GPS NFC USB tipo C | Dual SIM (eSIM) WiFi 6E Bluetooth 5.2 GPS NFC UWB USB tipo C |
Dimensións e peso | 158,6 x 74,8 x 8,9 milímetros | 163,9 x 75,8 x 8,9 milímetros |
Outros | Lector de pegadas en pantalla Certificación IP68 contra pó e auga | Lector de pegadas en pantalla Certificación IP68 contra pó e auga |
Prezo | Desde 649 euros | Desde 899 euros |
Aposta pola fotografía
Tal e como acontecera en modelos anteriores da serie Pixel, Google quixo facer especial fincapé na fotografía destes novos modelos. Ambos os dous contan cun sensor principal de 50 MP e un gran angular de 12 MP, se ben é cero que o modelo Pro inclúe tamén un sensor de zoom de 48 MP para telefoto. Tamén hai diferenzas na cámara frontal, onde o Pro integra un sensor de 11,1 MP, fronte os 8 MP do Pixel 6 estándar.

Á parte hardware Google suma os seus coñecementos en tratamento fotográfico, incluíndo diversas melloras para a edición (automática e manual) das imaxes, como o borrado de elementos en pantalla ou a mellora da representación das diferentes tonalidades na pel.
Sistema operativo: Android 12, pure Google.
Os novos Pixel 6 e Pixel 6 Pro son os máximos representantes de Android 12, a última versión de Android, coa que por suposto saen de fábrica estes smartphones. Sobre ela, a interface Pixel UI, que inclúe diversas funcionalidades diferenciais dos Pixel, como a personalización automática dos temas ou o recoñecemento de cancións en segundo plano.

En canto ás actualizacións, chegan con tres anos de actualización do sistema operativo garantido (até outubro de 2024, Android 15), e cinco de actualizacións de seguridade (até outubro de 2026).
Dispoñibilidade e prezo
Os novos smartphones Pixel 6 e Pixel 6 Pro xa son oficiais, e se poñen á venda o próximo 28 de outubro en oito países (Estados Unidos, Reino Unido, Taiwán, Xapón, Alemaña, Francia, Canadá e Australia), aínda que de momento non no noso país, onde chegarán oficialmente a comezos de 2020 desde 649 € o Pixel 6 (modelo 8 + 128 GB) e desde 899 € o Pixel 6 Pro (modelo 12 + 128 GB).

Pixel Pass. Todo o de Google nunha única cota
Google tamén anunciou onte o Pixel Pass, un servizo de subscrición hardware e de servizos, que permitirá ás usuarias – só de Estados Unidos – pagar unha cota mensual e ter acceso a un dispositivo (Pixel 6 ou Pixel 6 Pro), mais tamén a Google One (con 200 GB), YouTube Premium, YouTube Music Premium e Google Play Pass.

A compañía tamén permitirá combinar este servizo coa súa operadora Google Fi, o que suporá aforrar 5 dólares adicionais nos servizos móbiles.