Samsung anuncia o Galazy Z Flip 3 Bespoken Edition, que ofrece até 49 combinacións de cor

Non cabe ningunha dúbida de que o Samsung Galaxy Z Flip 3 5G é un dos terminais máis interesantes deste ano, tanto pola flexibilidade da súa pantalla como por estar sendo moi ben recibido polo público, en boa medida grazas a que o seu prezo é algo máis contido das cantidades ás que estamos afeitas para os modelos máis innovadores, mais tamén por chegar para cubrir un oco no mercado e ser un obxecto “de moda”.

Co obxectivo de afondar nesta última idea, Samsung vén de presentar unha edición especial deste modelo, o Samsung Galaxy Z Flip 3 5G Bespoken Edition, que ofrece ás usuarias a posibilidade de escoller diferentes combinacións de cor – máis aló das estándar – co obxectivo de maximizar as posibilidades de personalización.

As usuarias que se decanten por esta versión do Galaxy Z Flip 3 5G poderán formar até 49 combinacións diferentes xogando con cinco cores (branco, negro, azul, rosa e amarelo), para a tapa dianteira e traseira, que poderán ser iguais ou diferentes. Ademais, estas cores tamén se trasladarán ao “interior” do dispositivo”, concretamente ao seu salvapantallas, facendo así que esta personalización sexa maior.

O seu prezo é de 1099 dólares, 100 máis cá versión normal, e de momento só vai estar dispoñíbel en mercados seleccionados, entre os que non se atopa o noso país.

Sobre o autor

Reply