Lenovo anuncia nova tablet: Lenovo K10

O fabricante chinés Lenovo vén de anunciar o lanzamento dunha nova tablet, a Lenovo K10. Trátase dun dispositivo sinxelo, pero que ao tempo destaca por ofrecer unhas características suficientes para o público que busca un trebello para ocio ou traballos que non requiran excesiva capacidade de procesamento.

A folla de características da Lenovo K10 inclúe unha pantalla de 10,3 polgadas con tecnoloxía LCD, taxa de refresco de 60 Hz e resolución Full HD+. No seu interior temos un procesador MediaTek Helio P22T, xunto con 3 ou 4 GB de RAM e 32 ou 64 GB de memoria interna, dependendo das versións. Ademais, esta capacidade de memoria pode ampliarse con tarxetas microSD.

A cámara principal, traseira, é de 8 MP, e está equipada de flash LED, mentres que a frontal é un sensor máis sinxelo, de 5 MP, destinado ao seu uso en videochamadas. Leva unha batería de 7.500 mAh de capacidade con carga rápida de 10 W, e entre as opcións de conectividade destaca a presenza dunha versión con 4G, destinada a aquelas usuarias que queren estar conectadas en calquera lugar.

Outro dos puntos fortes deste da Lenovo K10 son os seus altofalantes estéreo, pensados para o consumo de multimedia. Dispón de porto USB-C, conector minijack de 3.5 mm e compatibilidade para usar un stylus. En canto ao sistema operativo, ponse á venda con Android 11, sobre o cal temos a capa de personalización do fabricante, MIUI 12.

Dispoñibilidade e prezo

A nova Lenovo Tab K10 presentouse en India, onde se puxo á venda por uns 160 euros a versión 5G de 3 + 32 GB. As opcións de 4 + 64 GB teñen un prezo duns 180 euros ao cambio, na versión WiFi, e duns 200 euros, na versión que tamén inclúe 4G.

Polo de agora o fabricante non se pronunciou sobrea súa posíbel comercalización no noso país.

Sobre o autor

Reply