A Unión de Consumidores de Galiza (UCGAL) avalía a calidade dos grupos de telecomunicacións

A Unión de Consumidores de Galiza (UCGAL) vén de avaliar a calidade das operadoras de telecomunicacións, segundo os datos publicados pola Secretaría de Estado de Telecomunicaciones e Infraestructuras Digitales (SETID), así como as estatísticas rexistradas na Oficina de Atención de los Usuarios de las Telecomunicaciones (OAUTEL).

Deste estudo extraese a Calidade Global, froito de analizar os datos de calidade e reclamacións na telefonía fixa, móbil e Internet, e que abrangue cuestións como o tempo de conexión, avarías, tempo de resolución destas, caudal de carga e descarga, reclamacións en fixo e móbil, entre outros.

Así, Movistar acada a maior puntuación, cun 7,49. No extremo oposto atópase Orange, cun 5,70. Só Vodafone supera os 7 puntos, situándose na segunda posición, mentres que o Grupo Másmóvil e Euskaltel móvense arredor dos 6,5 puntos.

No servizo móbil suspende Orange con 4,43, e o grupo Másmóvil e Euskaltel superan por pouco os 5 puntos. Só Movistar e Vodafone superan os 6 puntos, o primeiro con 6,64 e o segundo con 6,36. No servizo fixo tres operadores acadan máis de 8 puntos: Movistar (8,34), Vodafone (8,24) e o Grupo Euskaltel (8,13). Orange repite na peor puntuación, con 6,97 puntos.

Avarías

Na telefonía fixa a porcentaxe de avarías vai do 2,40% de Másmóvil e Orange ao 0,63% de R. O tempo empregado para a resolución destas vai desde as 46 horas de Movistar até as case 118 horas de Orange (preto de 5 días) ou as 97 de MásMóvil. R e Telecable roldan as 90 horas.

Pola súa banda, a porcentaxe de avarías reparadas no tempo obxectivo que comprometen (48 horas coa excepción de Movistar, que o establece en 46 horas) aproxímase ao 97% no caso de Movistar e non chegan ao 90% no caso de Orange, Másmóvil, R e Telecable.

En Internet, a porcentaxe de avarías de Euskaltel supera o 3,50% e R o 3,10%, entre o 2,20% e o 2,50% sitúanse Orange e Másmóvil. No lado oposto, Vodafone co 0,89%. Másmóvil supera as 115 horas no tempo de reparación de avarías e Telecable as 103. Orange aproxímase ás 100 horas, mentres que no extremo oposto Euskaltel emprega 47 horas.

Asimetría nas conexións

Fronte á simetría en Mbps das velocidades de suba e baixada que presentan os operadores de ámbito estatal (600/600, 300/300, 100/100, 50/50), aqueles que operan só nalgún territorio (Euskaltel, R e Telecable) presentan asimetrías moi intensas: 500/50, 300/30, 200/20, 100/10 ou 50/5.

O caudal medio de descarga nas ofertas de fibra e cable vai do 104% e o 101% de Vodafone e Telecable, respectivamente, até o 92 e 95% de R e Euskaltel. En canto ao caudal medio de suba nas mesmas ofertas, oscila entre o 102% e o 101% en Vodafone e Telecable, e arredor do 95,20% de R.

Sobre o autor

Reply