Orange mellora a velocidade da súa oferta só fibra até 1 Gbps

A operadora Orange vén de anunciar a actualización das súas tarifas que inclúen unha conexión de fibra telefonía fixa, para aumentar a velocidade das conexións sen que isto supoña un aumento da cota mensual. Será a partir do 18 de novembro cando entren en vigor estas novas tarifas, que veñen a engadir máis competencia, logo dun mes de outubro no que Orange, Vodafone e Movistar protagonizaron unha batalla sen precedentes, con ofertas de fibra de 600 Mbps por debaixo dos 20 euros durante un ano para as novas contratacións.

A nova clientela da compañía poderá optar entre contratar unha conexión de 500 Mbps ou unha de 1 Gbps (1.000 Mbps), unha mellora que tamén chegará ás usuarias actuais, xa que as que teñan contratada unha conexión de 100 Mbps pasarán a ter 500 Mbps, e as que teñan 600 Mbps actualizarán a 1 Gbps, sen que isto supoña modificar a súa conta.

En canto aos prezos, as alternativas de Orange quedan do seguinte xeito:

  • Fibra 500 Mbps. Inclúe unha conexión de fibra de 500 Mbps simétricos e unha liña de teléfono con chamadas ilimitadas a fixos nacionais e 1000 minutos a móbiles. O seu prezo é de 30,95 €/mes.
  • Fibra 1 Gbps. Inclúe unha conexión simétrica de 1 Gbps, ademais de liña telefónica fixa con chamadas ilimitadas, neste caso tanto a fixos como a móbiles, por 40,95 €/mes.

Orange está ofrecendo en promoción un router Livebox WiFi 6 se se contrata o seu servizo de fibra entre o 14 de outubro e o 31 de decembro.

Sobre o autor

Reply