Xiaomi ten unha nova pulseira de actividade, a Redmi Smart Band Pro

O fabricante chinés Xiaomi anunciou hai uns días o lanzamento dunha nova pulseira de actividade, a Xiaomi Redmi Smart Band Pro, un dispositivo que se porá á venda mañá no noso país por un prezo de 49,99 euros, o que fai que chegue para competir con modelos como a Band 6 de Honor ou a Band 6 de Huawei, dous trebellos moi semellantes en canto a características e que tamén se moven na mesma liña de prezos.

O novo modelo de Xiaomi aposta por unha pantalla tipo AMOLED de 1,47 polgadas, con 450 nits de brillo e unha resolución de 194 x 368 píxeles. Dispón de todo tipo de sensores, entre os que temos que destacar o sensor de frecuencia cardíaca, o de oxíxeno no sangue, o acelerómetro de 3 eixos ou un xiroscopio, tamén de 3 eixos. A súa batería é de 200 mAh de capacidade, e ofrece unha autonomía de até 14 días, segundo informa o fabricante, para un uso típico.

Coma acontece noutros modelos similares de pulseiras, a Smart Band Pro é resistente á auga (5 ATM), e dispón de conectividade Bluetooth para sincronizarse co noso smartphone, sendo compatíbel con Android e con iOS. De feito, pódese descargar desde a Play Store ou desde a Appstore a aplicación Xiaomi Wear para manexala, se ben é certo que tamén é compatíbel con outras aplicacións, como Strava ou Apple Health para a xestión dos datos.

Desde este xoves, a nova Xiaomi Redmi Smart Band Pro poderase adquirir en diversas tendas, entre elas a tenda oficial en liña de Xiaomi, por 49,99 euros.

Sobre o autor

Reply