Analizamos o Samsung Galaxy Z Flip3 5G

Cando parecía que non había cara onde innovar no segmento da telefonía móbil, Samsung decidiu botar a mirada atrás e repensar os teléfonos tipo “cuncha” clásicos, iso si, dotándoos de todas as funcionalidades propias dun smartphone. Se ben é certo que os smartphones con esta forma veñen empregándose en países como Xapón e Corea nos últimos anos cunha zona de teclado e outra de pantalla, non foi até a chegada do primeiro “Flip” cando vimos as posibilidades que nos ofrecen estes dispositivos con pantallas encartábeis.

O Samsung Galazy X Flip3 5G é a terceira evolución do Flip, o modelo de peto de Samsung, que varios fabricantes están comezando a replicar. Ademais de partir dun prezo inferior que o primeiro da súa serie, o novo Flip ofrece melloras substanciais que pretendemos analizar ao longo deste artigo, que escribimos logo dunhas semanas con el.

Deseño e acabados

O deseño é sen lugar a dúbidas a principal baza do Samsung Galaxy Z Flip3 5G, non só porque chame a atención ao ofrecernos unha experiencia de gran pantalla nun trebello pequeno, senón tamén porque, como xa comentamos, evoca os nosos recordos dun pasado onde os teléfonos encartábeis eran unha opción.

Rematado en aluminio, e cun acabado moito máis resistente, o novo Z Flip3 5G sitúa os botóns de control de volume e acendido na parte superior do lateral dereito, deixando o altofalante na parte inferior, xunto co conector USB-C e a bandexa de tarxetas SIM no lateral esquerdo.

Cando está pechado, a tapa superior (parte traseira do dispositivo cando está aberto) ten unha pequena pantalla para amosarnos as notificacións, así como tamén para empregar como “espello” para a cámara, entre outras funcionalidades que Samsung quixo introducir neste modelo. Esta pantalla é unha das novidades desta última versión do Z Flip.

A bisagra, o que sen dúbida é o elemento chave neste modelo, semella moito máis resistente, o que permite ás usuarias ter unha maior tranquilidade á hora de abrir e pechar o dispositivo, sen medo a escachalo. Tamén é de agradecer a introdución da resistencia á auga segundo o estándar IPX8, aínda que non se leva tan ben coa area, polo que debemos ter conta este extremo se o empregamos en lugares nos que puidera verse afectado o seu funcionamento.

Hardware e rendemento

Aínda que nos últimos anos Samsung decidiu apostar polos procesadores propios (Exynos) nas versións que comercializa en Europa dos seus modelos de alta gama, no caso deste Z Flip 3 5G temos o procesador Qualcomm Snapdragon 888, xunto con 8 GB de memoria RAM e opcións de 128 ou 256 GB de memoria interna.

Con esta configuración Samsung ofrece unha boa experiencia en canto á fluídez e rapidez, cun dispositivo que move sen problema calquera tipo de aplicación, e con transicións fluídas e uasencia de lag. Porén, é certo que se empregamos o teléfono exprimindo os seus recursos a temperatura sube notabelmente.

A conectividade ben dada polas redes móbiles 5G, Bluetooth 5.0, WiFi ac e NFC para pagos móbiles. Ademais dispón de USB tipo C, sensor de pegadas dixitais situado no lateral, e altofalantes estéreo para unha experiencia multimedia completa.

Volver ao lector de pegadas dixitais no botón pode parecer un paso atrás, mais o certo é que funciona moito máis rápido que os que temos empregado noutros terminais da compañía baixo a pantalla. Imaxinamos que nun futuro non moi afastado, cando Samsung teña desenvolto mellor a tecnoloxía detrás dos paneis encartabéis, levarase a pegada dixital na pantalla tamén a estes dispositivos.

Pantalla

A súa pantalla principal é un panel encartábel de 6,7 polgadas, con resolución 1080 x 2640 píxeles e tecnoloxía Dynamic AMOLED 2X. Ten ademais unha taxa de refresco de 120 Hz, algo que se agradece especialmente se somos usuarias que xogamos co smartphone, aínda que tamén é certo que empregar esta taxa reduce considerabelmente a duración da batería, algo a ter en conta nun smartphone cunha batería non excesivamente grande.

Como avanzamos nun dos puntos anteriores, unha das novidades do Z Flip 3 é a presenza dunha pantalla secundaria de 1,9 polgadas, con resulción de 260 x 512 píxeles. Se ben é certo que non é un panel extremadamente grande, si que nos ofrece múltiples funcionalidades que mellorarán a nos aexperiencia no día a día.

Cámara

No apartado fotográfico temos unha cámara principal formada por dous sensores, un gran angular de 12 Mpx con f/1.8 con OIS e outro gran angular, de 12 Mpx con f/2.2. Na cámara dianteira, pola súa banda, temos un sensor de 10 Mpx con f/2.4.

A cámara principal ofrece uns resultados que destacan pola súa calidadade, na liña de modelos da gama máis alta da serie Galaxy A, pero loxicamente un paso por detrás do que temos na serie S21, que é a actual referencia de Samsung na gama alta, e polo tanto tamén en fotografía.

En canto á cámara dianteira, temos que tamén resolve bastante ben, especialmente en situacións de boa iluminación, pero tendo a posibilidade de empregar a pantalla externa como “espello” para poder usar as cámaras principais tamén en modo autorretrato, o noso consello é apostar por esta segunda opción, xa que conseguiremos uns resultados moito máis notorios.

Software

Aínda que o teléfono saíu á venda con Android 11, xa ten dispoñíbel a actualización a Android 12 coa interface One UI 4.0 de Samsung, que introduce algunha que outra mellora de software pensada para sacarlle máis partido aos telefónos encartábeis como o Z Flip 3 5G ou o Z Fold 3 5G. Con todo, hai que facer unha diferenciación, xa que o Fold abre unha pantalla “estilo tablet”, o que ofrece posibilidades diferentes ás dun smartphone estándar, mentre que o Flip, aberto, é un smartphone (case) estándar.

Isto fai que o factor diferencial no uso da pantalla, máis aló de que o teléfono ocupe menos cando está pechado, sexa menor ca no Fold, aínda que en certas aplicacións como para videochamadas ou fotografía podemos aproveitar o modo “stand” que mantén o teléfono de pé para facilitar o seu uso.

Batería

O Samsung Galaxy Z Flip 3 está equipado cunha batería de 3.300 mAh de capacidade, con carga rápida e compatibilidade con carga sen fíos. Antóllasenos unha capacidade de batería bastante xusta para un teléfono que está chamado a ser empregado con frecuencia, xa que o destino é un público que inviste nun smartphone.

Tamén hai que destacar que o teléfono vén sen cargador e que a carga máxima que ofrece é de 15W, basante por baixo da velocidade de carga que temos noutros smartphones da propia compañía, polo que tampouco é un dispositivo relevante neste punto.

Usar a pantalla a 120 Hz tamén supón un incremento notorio do consumo enerxético, polo que se non lle sacamos partido a esta funcionalidade o noso consello é configuralo a 60 Hz para aumentar a duración da batería.

Conclusións

Samsung conseguiu que o Galaxy Z Flip 3 5G sexa un teléfono máis asequíbel (899 € na versión de 128 GB e 949 € na de 256 GB), o cal é un factor fundamental para o seu éxito. Ademais, é un dispositivo cun deseño fermoso e cómodo para diferentes públicos, o que tamén xoga ao seu favor.

Así que o deseño, a comodidade e o rendemento son tres dos aspectos que destacamos deste smartphone, que se ben podería mellorarse con cámaras máis potentes ou unha batería de maior tamaño, pero estamos certas que sería a costa de perder outras cousas, desequilibrando o conxunto do smartphone.

Sobre o autor

Reply