Fíltranse os prezos dos Galaxy S22 a semanas da súa presentación oficial

Samsung ten programado para o próximo mes de febreiro a presentación da familia Galaxy S22, unha cita bastante agardada porque supón un cambio de paradigma. E é que este ano, o fabricante surcoreano incorpora na versión Ultra o S-Pen, converténdose no sucesor ideal da liña Galaxy Note, que o ano pasado non existiu, ao apostar Samsung polos trebellos encartábeis, o Galaxy Z Flip 3 e o Galaxy Z Fold 3.

Nos últimos días véñense producindo diversas filtracións que foron dando a coñecer especificacións, deseño e outras características dos dispositivos que prepara Samsung. Porén, a última destas filtracións apunta a algo que as consumidoras miran con tino: o prezo.

De acordo con ela, confirmaríanse un total de tres modelos (Galaxy S22, Galaxy S22+ e Galaxy S22 Ultra) e sete opcións, dependendo da súa capacidade de memoria:

  • Samsung Galaxy S22 con 8GB/128GB: 849 euros
  • Samsung Galaxy S22 con 8GB/256GB: 899 euros
  • Samsung Galaxy S22+ con 8GB/128GB: 1.049 euros
  • Samsung Galaxy S22+ con 8GB/256GB: 1.099 euros
  • Samsung Galaxy S22 Ultra con 8GB/128GB: 1.249 euros
  • Samsung Galaxy S22 Ultra con 12GB/256GB: 1.349 euros
  • Samsung Galaxy S22 Ultra con 12GB/512GB: 1.449 euros

Entre as cousas que xa sabemos, o Galaxy S22+ tería un deseño conservador, moi parecido ao S21+, aínda que no seu interior atopámonos cun novo procesador (o Exynos 2200) e cámaras e batería mellorada. No apartado fotográfico habería un gran angular de 50 Mpx con tecnoloxía Adaptive Pixel, que usa dous modos, un para facer fotos de até 108 Mpx combinando varias imaxes e outro que combina píxeles para facer fotos de 12 Mpx.

Pola súa banda, o Galaxy S22 Ultra (que chega para substituír á serie Note), vén dun deseño máis refinado, e con versións máis completas en canto a RAM (até 16 GB) e capacidade interna (até 1 TB), aínda que semella que no mercado europeo a opción máis ambiciosa será a de 12 + 512 GB.

A súa pantalla será de 6,8 polgadas con resolución QHD+ e tecnoloxía Dynamic AMOLED con 120 Hz de taxa de refresco, compatibilidade con HDR10+ e un brillo máximo de 1500 nits. Por dentro teremos un procesador Exynos 2200, e 5000 mAh de capacidade de batería con carga rápida de 45 W.

Samsung ten previsto facer o anuncio desta familia de dispositivos na segunda semana de febreiro.

Sobre o autor

Reply