Vivo lanza novo smartphone de gama entrada con procesador MediaTek

O fabricante chinés Vivo vén de anunciar o lanzamento dun novo dispositivo, o Vivo Y21a. Trátase dun smartphone de gama entrada equipado cun procesador MediaTek e unha batería de 5.000 mah como principais reclamos, e que chega para competir no segmento máis condicionado polo factor prezo.

No seu interior, o Vivo Y21a leva un procesador MediaTek Helio P22, que está acompañado dunha memoria RAM de 4 GB (+ 1 GB de RAM virtual adicional) e unha memoria interna con 64 GB de capacidade. A súa pantalla é un panel tipo LCD de 6,51 polgadas con resolución HD+ (1600 x 720 píxeles), que ademais ten unha taxa de refresco de 90 Hz.

Na parte fotográfica temos unha cámara dianteira de 8 Mpx con f/2.0, e unha cámara principal composta por un sensor dobre: o principal, de 13 Mpx, con apertura focal f/2.2, e o secundario un sensor tipo retrato de 2 Mpx con f/2.4.

En canto á conectividade, Vivo optou por manter unha configuración de conectividade móbil máxima 4G, así como o Bluetooth 5.0 e a WiFi ac. A súa batería sitúase nos 5.000 mAh de capacidade, con carga rápida de 18 W mediante cable USB de tipo C. Tamén está equipado de jack de audio para poder conectar auriculares de 3.5 mm.

O sistema operativo é Android 11, aínda que como vén sendo habitual nos smartphones desta marca, o software está personalizado cunha interface propia, FunTouch OS na súa versión 11.1 de serie.

Dispoñibilidade e prezo.

O novo Vivo Y21a foi presentado na India, onde tamén anunciaron que se porá á venda en dúas cores: Midnight Blue (azul) e Diamond Glow (branco). Porén, a compañía non fixo público aínda o seu prezo nin os seus plans sobre a dispoñibilidade internacional deste trebello.

Sobre o autor

Reply