Huawei vén de anunciar a dispoñibilidade no noso país do novo Huawei P50 Pocket, o seu smartphone encartábel ao estilo do Samsung Galazy Z Flip 3, un trebello cunhas especificacións realmente interesantes, pero que non ten acceso á Google Play Store e, polo tanto, tampouco a unha chea de aplicacións de uso común, algo que se debe considerarse antes de facerse cun terminal deste fabricante.
Deixando ese punto á marxe, o Huawei P50 Pocket é un smartphone que ofrece unha pantalla OLED encartábel de 6,9 polgadas, con resolución FullHD+ (2790 x 1188 píxeles, 442 ppp), ratio 21:9 e unha taxa de refresco de 120 Hz. Cando está pechado, temos unha pantalla exterior OLED de 1,04 polgadas con resoluci´n 350 x 340 píxeles (328 ppp).
O seu procesador é un Qualcomm Snapdragon 888, que está acompañado de 12 GB de memoria RAM e 512 GB de memoria interna, unha capacidade que cubrirá de sobras as necesidades das usuarias máis avanzadas. A súa batería sitúase nos 4.000 mAh de capacidade, con carga rápida de 40W.
En canto á conectividade, destaca a ausencia de 5G nun dispositivo desa categoría e prezo, polo que as usuarias poderán conectarse a redes móbiles 4G e inferiores. Leva WiFi 6, Bluetooth 5.2 LE, USB tipo C 2.0 e xeolocalización a través dos sistemas GPS / GLONASSS / Galileo e BDS.
Un dos apartados máis importantes é o fotográfico, como vén sendo habitual nos dispositivos que vén presentando Huawei nos últimos anos. O trebello conta cunha cámara traseira triple formada por un sensor principal de 40 Mpx con f/1.8, un gran angular de 13 Mpx con f/2.2 e un sensor hiperespectral de 32 Mpx con f/2.2. Na parte dianteira temos unha cámara única de 10,7 Mpx con f/2.2.
Dispoñibilidade e prezo
O Huawei P50 Pocket xa se pode mercar no noso país por 1599 €, e está dispoñíbel nunha única cor (dourada) e versión (12 + 512 GB). Ademais, mercando até o 14 de febreiro as usuarias recibirán de balde uns Freebuds 3 LipStick valorados en 199 euros e 6 meses de seguro.