Vodafone admite as conversas sobre a súa venda ou fusión, e todo apunta a MásMóvil

Tras un período de auxe das operadoras alternativas, nos últimos anos estamos a ver unha consolidación do mercado das telecomunicacións, con compras e fusións que están a deixar de novo nas mans duns poucos grupos o groso das operadoras. Os casos máis sonados son os de Orange (que aglutina marcas como Orange, Jazztel e Simyo), e sobre todo, o de MásMóvil. Este último grupo conseguiu, aos poucos, irse facendo con moita da súa competencia, de xeito que agora mesmo forman parte del as marcas MásMóvil, Yoigo, Pepephone, R, Euskaltel, Telecable, Virgin Telco, Lebara, Embou, Lyca mobile e Llamaya.

O protagonista desta semana é Vodafone, compañía que segundo apuntan fontes relevantes do sector estaría no punto de mira de MásMóvil. Os fondos de inversión destrás deste grupo terían preparada a súa ofensiva para facerse coa operadora vermella, aínda que tamén parece que hai movementos en sentido contrario, polo que pode que a operación poida rematar nunha fusión de ambas partes para converterse no grupo líder da telefonía e banda larga móbil en todo o Estado.

O conselleiro delegado de Vodafone a nivel global confirmaba onte que están abertos a conversas para vender ou integrar a división española, nun momento no que o grupo está a perder clientes (150.000 no último trimestre fiscal), e ingresos, cunha baixada de 1,6 puntos.

Neste taboleiro de xogo tamén están pezas importantes, como Digi ou Avantel, dous operadores que están a captar unha boa base de clientes e que poderían xerar interese dos grupos Vodafone e MásMóvil.

Haberá que ver como se desenvolven finalmente estas operacións, que veñen de longo, xa que desde 2019 vense especulando sobre estas operacións. Porén, semella que tras o parón que supuxo a Covid, tamén neste aspecto, o 2022 será o ano no que se executen estes plans.

Sobre o autor

No Responses

Reply