No medio deste panorama de consolidación do sector das telecomunicacións no Estado español, no que destaca o que concerne ao futuro de Vodafone, as pequenas compañías seguen a buscar o seu espazo. Entre as que máis están a destacar polo seu crecemento (con máis de 800.000 clientas) e pola súa oferta competitiva tanto en móbil como en servizos converxentes de fibra e móbil, está Fi Network.
Esta operadora de orixe alacantino aspira a poder manterse á marxe desa consolidación do mercado, para apostar así por un sector con diferentes actores que permitan unha competencia real e poder así seguir ofrecendo á súa clientela – actual e potencial – prezos competitivos, simplicidade e flexibilidade.
Coa mirada posta neste 2022, Fi Network vén de adiantar que se pon como obxectivos para este ano seguir medrando tanto no número de usuarias como no de puntos de venda, ademais de despregar a súa infraestrutura de fibra propia. Segundo informan nun comunicado, está previsto que ao longo de 2022 cheguen aos 600.000 fogares coa súa rede de fibra, aínda que non confirmou as cidades ou lugares nos que o fará.
Con este movemento, Fi Network segue os pasos de Digi e outras compañías que naceron como operadores virtuais ou revendedores de servizos e que agora están a despregar a súa infraestrutura de fibra propia. No caso de Digi, a operadora xa está a ofrecer servizo directo nas catro provincias galegas, coas que ofrecen fibra de até 10 Gbps por 30 €/mes.