Honor presenta na China o novo Honor 60 SE

Honor vén de anunciar na China a chegada dun novo smartphone de gama media, o Honor 60 SE. Trátase dunha versión derivada do Honor 60, que destaca tanto polo seu deseño premium – que nos lembra bastante ao iPhone na súa parte traseira – como por contar cunha folla de especificacións na que atopamos características moi interesantes.

O novo dispositivo da marca chinesa aposta por un panel AMOLED de 6,67 polgadas, con resolución Full HD+ e frecuencia de reloxo de 120 Gz. No seu interior atopámonos cun procesador MediaTek Dimensity 900, que está acompañado de 8 GB de memoria RAM e 128 ou 256 GB de memoria interna, segundo a versión escollida.

No que ten a ver coa fotografía, a cámara traseira está formada pola combinación de tres sensores, sendo o principal de 64 MP. Xunto a este, temos un sensor de 8 MP UGA e outro de 2 MP tipo macro. A cámara frontal, para autorretratos, é de 16 MP.

A autonomía semella que non será un problema neste Honor 60 SE, posto que leva unha batería de 4.300 mAh de capacidade, que ademáis é compatíbel con carga rápida de 66W. Dispón tamén de lector de pegadas dixitais baixo a pantalla, NFC e conectividade 5G.

En canto ao sistema operativo, leva Android 11 coa personalización Magic UI 5.0, aínda que iso si, sen os servizos de Google, o que implica que non ten nin Play Store nin acceso a aplicacións que para moitas usuarias son básicas, como Gmail, Maps ou Calendar, entre outras.

Polo de agora Honor non se pronunciou sobre a chegada deste dispositivo ao noso país, polo que de momento non sabemos tampouco que prezo tería de comercializarse neste lado do mundo. Como referencia, o seu prezo na China fica nos 300 euros ao cambio.

Sobre o autor

Reply