Novas tablets Samsung Galaxy Tab S8, S8+ e S8 Ultra

Ademais de dar a coñecer os novos modelos da serie Galaxy S22, Samsung anunciou onte novas tablets, en concreto a nova serie Galaxy Tab S8, composta pola Tab S8, a Tab S8+ e a Tab S8 Ultra. Os tres modelos comparten algunhas características, pero tamén teñen diferenzas no tamaño e prestacións para cubrir un amplo abano de posibilidades e adaptarse ás diferentes necesidades do seu público obxectivo.

A Galaxy Tab S8 Ultra é o modelo máis ambicioso dos tres. Trñatase dun dispositivo que integra unha pantalla de gran formato, con 14,6 polgadas e resolución WQXGA+ (2960 x 1848 píxeles), tecnoloxía Super AMOLED e taxa de refresco de 120 Hz. No seu interior leva un procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 1, con opcións de 8, 12 ou 16 GB de memoria RAM e 128, 256 ou 512 GB de memoria interna.

A súa cámara principal é dobre, cun sensor principal de 13 MP e outro gran angular de 6 MPx. Tamén é dobre a súa cámara frontal, cun sensor principal de 12 MP e un gran angular de 12 MP, pensado para que ninguén quede fóra durante unha videochamada grupal, algo que Samsung destacou en varias demos durante a presentación.

A conectividade vén dada polo 5G, na versión con conectividade móbil, e por WiFi 5E, ademais de Bluetooth 5.2. Leva unha batería de 11.200 mAh de capacidade, con carga rápida de 45 W e porto USB C

Tanto polas súas prestacións como polo tamaño – lembremos que leva unha pantalla de 13 polgadas – a Galaxy Tab S8 Ultra está máis preto de ser un pequeno portátil ca unha tablet. As súas características permítenlle un rendemento excelente, e as posibilidades software complétanse co modo escritorio (DeX), ao que podemos acceder rapidamente usando unha funda con teclado.

Pola súa banda, as Galaxy Tab S8 e Galaxy Tab S8+ comparten moitas das características coa versión Ultra, como o procesador, a conectividade ou as cámaras, a excepción da segunda cámara frontal (panorámica), que é unha característicca exclusiva da Ultra.

As diferenzas atopámolas na pantalla ou batería, onde a Galaxy Tab S8 leva un panel de 11 polgadas, con resolución WQXGA (2560 x 1600 píxeles), tecnoloxía LTPS TFT e taxa de refresco 120 Hz e unha batería de 8000 mAh de capacidade con carga rápida. Pola súa banda, a Tab S8+ leva un panel Super AMOLED WQXGA+ (2800 x 1752 píxeles) de 12,4 polgadas, e unha batería de 10.090 mAh.

As combinacións de memoria na Tab S8 e Tab S8+ tamén son menores ca na Tab S8 Ultra, con opcións de 8 ou 12 GB de RAM e 128 ou 256 GB de memoria interna. En canto á seguridade, todas levan lector de pegadas dixitais, se ben na Tab S8 é a través dun botón físico e nas Tab S8+ e Tab S8 Ultra a través da pantalla.

Dispoñibilidade e prezo

A distribución de prezos depende de cada un dos tres modelos depende da capacidade da memoria e da conectividade, quedando como segue:

Galaxy Tab S8

  • 8 + 128 GB (WiFi): 749 euros.
  • 8 + 128 GB (5G): 899 euros.
  • 12 + 256 GB (WiFi): 799 euros
  • 12 + 256 GB (5G): 949 euros

Galaxy Tab S8+

  • 8 + 128 GB (WiFi): 949 euros.
  • 8 + 128 GB (5G): 1049 euros.
  • 12 + 256 GB (WiFi): 999 euros
  • 12 + 256 GB (5G): 1149 euros

Galaxy Tab S8 Ultra

  • 8 + 128 GB (WiFi): 1149 euros.
  • 8 + 128 GB (5G): 1299 euros.
  • 12 + 256 GB (WiFi): 1249 euros
  • 12 + 256 GB (5G): 1399 euros
  • 16 + 512 GB (WiFi): 1499 euros
  • 16 + 512 Gb (5G): 1599 euros

Sobre o autor

Reply