Samsung anuncia a serie Galaxy S22

Na tarde de onte Samsung anunciou oficialmente a serie Galaxy S22, aínda que como vén sendo habitual nos últimos anos, durante as semanas previas fomos recibindo filtracións que serviron para avanzar características e mesmo o deseño, a través de fotografías e vídeos. Co anuncio oficial, confírmase a chegada das tres versións para o novo buque insignia do fabricante chinés: son o Galaxy S22, Galaxy S22+ e Galaxy S22 Ultra.

Cada un destes dispositivos está orientado a un perfil de público diferente, e se entre o Galaxy S22 e o Galaxy S22+ a principal diferenza é o tamaño, o Galaxy S22 Ultra é o que chega con características máis avanzadas, principalmente na cámara, mais tamén – e como novidade deste ano tras a desaparición no 2021 da serie Note – na presenza do S-Pen integrado.

Deseño continuísta, características actualizadas

Os novos Galaxy S22 e Galaxy S22+ teñen un deseño continuísta respecto aos S21 e S21+ respectivamente. Porén, o Galaxy S22 Ultra é o que chega con maiores cambios de deseño, para asemellarse máis ao Galaxy Note 20 Ultra na parte frontal, aínda que diferente pola parte posterior.

Tamén hai unha diferenza fundamental entre os S22 e S22+ e o S22 Ultra en canto a materiais, xa que os primeiros empregan principalmente un novo plástico elaborado a partir de redes de pesca recicladas cun acabado premium, mentres que o S22 Ultra chega en aluminio e cristal.

Os modelos que se comercializarán no noso país veñen co novo procesador de Samsung, o modelo Exynos 2200, fabricado en 4 nanómetros e de 8 núcleos, distribuídos do seguinte xeito: 1 x 2.8 GHz, 3 x 2.5 GHz e 4 x 1.7 GHz. En canto ás memorias, o S22 e S22+ comercialízanse con opcións de 8 + 128 GB e 8 + 256 GB para RAM e memoria interna respectivamente, mentres que o S22 Ultra poderase adquirir nas combinacións de 8 + 128 GB, 12 + 256 GB, 12 + 512 GB ou 12 GB + 1 TB.

En canto ás pantallas, as do Galaxy S22 e Galaxy S22+ son paneis Dynamic AMOLED con resolución 1080 x 2340 píxeles (422 ppp no S22, 390 no S22+), con ratio 19.5:9, frecuencia de 120 Hz, compatibilidade con HDR10+, brillo de 1500 nits e protección mediante Corning Gorilla Glass Victus+. A diferenza entre ambos modelos é o tamaño, xa que o S22 leva unha pantalla de 6.1 e o S22+ de 6,6 polgadas.

Pola súa banda, o S22 Ultra integra un panel de 6,8 polgadas, que aínda que comparte moitas das características cos S22 e S22+, mellora en calidade, cunha resolución de 1440 x 3080 píxeles, 500 ppp.

Outra das diferenzas importantes entre o S22 Ultra e os modelos interiores, é que este último leva unha cámara traseira cuádruple na que o protagonista é un sensor principal de 108 MP con f/1.8, que ademais está acompañado de dous telefotos, un de 10 MP con f/4.9 e outro de 10 MP con f/2.24, ademais de sensor ultrapanorámico de 12 MP e f/2.2. Os Galaxy S22 e S22+ quedan cunha cámara traseira triple con sensor principal de 50 MP (f/1.8), un telefoto de 10 MP (f/1.4) e un ultrapanorámico de 12 MP (f/2.2).

Tampouco coinciden os tres modelos na cámara frontal, onde Samsung integrou un sensor de 10 MP con f/2.2 nos S22 e S22+ e unha cámara de 40 MP con f/2.2 no S22 Ultra.

A batería do S22 é de 3700 mAh de capacidade, con carga rápida de 25W, mentres que o S22+ leva 4500 mAh e o S22 Ultra 5000 mAh, estes dous con carga rápida de 45W. Coinciden os tres modelos en dispór de carga sen fíos de 15W e carga sen fíos inversa de 4.5W, coa que podemos cargar outros smartphones, aínda que esta funcionalidade está principalmente pensada para cargar gadgets como auriculares ou reloxos.

Completan a folla de especificacións da serie S22 a presenza de Bluetooth 5.2, WiFi 6, conectividade 5G, NFC para pagos móbiles e lector de pegadas baixo a pantalla. Veñen de serie con Android 12, coa interface One UI 4.0 de Samsung.

A volta do S-Pen.

O Galaxy S22 Ultra destaca, ademais de por contar con especificacións máis avanzadas e diferenciais, sobre todo no aspecto fotográfico, por recuperar o S-Pen. O característico lapis que fixo único a Samsung na serie Note chega agora á serie S22 cunha integración completa.

Cómpre lembrar que o ano pasado Samsung comercializou un S-Pen compatíbel co S21 Ultra, mais facía necesario contar cunha funda especial para levalo, ao igual que pasaría posteriormente co Galaxy Fold3 5G. Agora, o S22 Ultra lévao no seu interior, ao máis estilo Note.

Dispoñibilidade e prezo

Samsung adiantou durante a presentación a chegada da serie S22 ao mercado, que está prevista para o próximo 25 de febreiro. Porén, como vén sendo habitual, xa se pode acceder á precompra a través da páxina oficial de Samsung e dos principais distribuidores. Se o facemos desde a páxina de Samsung, poderemos desfrutar de cores exclusivos que só se van poder conseguir online.

En canto a prezos, os oficiais para o noso país son os que seguen:

Samsung Galaxy S22:

  • 8/128 GB: 859 euros.
  • 8/256 GB: 909 euros.

Samsung Galaxy S22 Plus:

  • 8/128 GB: 1059 euros.
  • 8/256 GB: 1109 euros.

Samsung Galaxy S22 Ultra:

  • 8/128 GB: 1259 euros.
  • 12/256 GB: 1359 euros.
  • 12/512 GB: 1459 euros.
  • 12/1024 GB: 1659 euros.

Sobre o autor

No Responses

Reply