O teléfono DECT de Gigaset, o ION, vén de ser elixido como produto Innovador do ano 2021, nunha votación na que participaron empresarios e executivos do sector das comunicacións e que bateu récords de participación.
O ION é un produto que vén a ser unha solución dedicada ao mercado das comunicacións coas súas características que facilitan as comunicacións unificadas. Entre as súas características destaca a facilidade do plug & play mediante USB estándar, o que permite combinar o ION coas comunicacións unificadas existentes, como Swyxlt! a Circuit, ou de Teams a Zoom, de maneira que funciona con calquera cliente de PC/UC e se pode empregar de forma flexíbel grazas ao dongle DECT.
A segunda gran vantaxe é que a tecnoloxía DECT supera a Bluetooth en canto a alcance, chegando aos 300 metros en espazo libre (uns 50 en interiores), o que aumenta significativamente a liberdade de movemento en comparación cos auriculares normais, permitindo unha maior comodidade, mesmo cos novos conceptos de oficina con escritorios compartidos ou espazos de traballo abertos.
Ademais, o ION pode empregarse desde o escritorio como teléfono de conferencia, ou como unha solución de mans libres cando se coloca xunto ao PC ou na súa base de carga. En ambos os casos, tamén pode empregarse como altofalante ou como reprodutor de audio. Ademais, cando se achega á orella pasa a ser un teléfono sen fíos normal, grazas ao seu sensor de proximidade, sen necesidade de ter que tocar ningún botón.
O Gigaset ION non se comercializa de forma directa, polo que para mercalo é preciso contratalo a través dun socio colaborador, como distribuidores de TI e telecomunicacións, así como distribuidores de valor engadido (VAR) e provedores de sistemas empresariais.