Novos auriculares Amazon Echo Buds con Alexa

Amazon anunciou onte os Echo Buds, uns novos auriculares sen fíos con Alexa integrado que destacan polo seu deseño compacto e por ofrecer unha experiencia de son nítida, con cancelación activa de ruído e un sistema de micrófonos avanzados para conseguir chamadas de maior calidade e un acceso máis preciso ás ordes que se lle fan ao asistente.

Trátase duns auriculares lixeiros e con capacidade de adaptarse a diferentes sons, onde tamén destaca o deseño do seu cabeceiro, pensado para reducir a presión auditiva e poder así empregalos durante máis tempo comodamente. Ademais levan protección IPX4, o que fai que sexan axeitados para soportar salpicadoras, suor ou a choiva lixeira.

Non cabe dúbida de que unha das súas principais bazas é a integración con Alexa, o que permite ás usuarias acceder con comandos de voz a certos axustes (por exemplo, podemos pedirlle que active ou desactive a cancelación activa de ruído), aplicacións (Audible, Spotify, Apple Music….), ou chamadas. Quen prefira usar Google Assistant ou Siri tamén poderá facelo con estes auriculares.

En canto á autonomía, Amazon afirma que os Echo Buds ofrecen até cinco horas de reprodución de música cunha soa carga, con cancelación activa de ruído e acceso a Alexa en modo mans libres. Ademais, o estoxo para gardalos proporciona dúas cargas adicionais, o que fai un total de 15 horas de reprodución de música. Con 15 minutos de carga proporciónase até dúas horas de reprodución de música.

Existen dúas versións de estoxo, un que só permite a carga por cable USB-C e outro que tamén é compatíbel coa carga sen fíos Qi, e que pola diferenza de 20 € pode resultar máis interesante.

Dispoñibilidade e prezo

Os novos auriculares Amazon Echo Buds están dispoñíbeis en branco ou negro, e pódense adquirir en prevenda até o próximo 24 de febreiro, cunha oferta de lanzamento que permite aforrarse 40 € no prezo do dispositivo. Así, até ese día podemos facernos coa versión do estoxo con carga sen fíos por 99,99 € no canto dos 139,99 € habituais, ou coa versión que só permite carga por cable por 79,99 € en vez dos 119,99 € de PVP. Pódense adquirir desde a web amazon.es/echobuds.

Sobre o autor

Reply