O OnePlus Nord CE 2 5G porase á venda o 10 de marzo

OnePlus vén de facer a presentación oficial do OnePlus Nord CE 2 5G, un dispositivo de gama media no que o fabricante puxo especial interese en potenciar tres dos aspectos máis valorados polas usuarias: cámara, batería e rendemento. Deste modo temos un dispositivo que fai uso da intelixencia artificial para conseguir mellores resultados en fotografía, unha batería con carga rápida de 65W e melloras na xestión de potencia.

A súa pantalla é un panel AMOLED con taxa de refresco de 90 Hz, cun tamaño de 6,43 polgadas, resolución FullHD+ (2400 x 1080) e relación de aspecto 20:9, que ademais é compatíbel con HDR+. No seu interior temos un procesador MediaTek Dimensity 900 con GPU ARM Mali G68, xunto con 8 GB de memoria RAM e 128 GB de almacenaxe interna que podemos expandir a través de tarxetas microSD até 1 TB.

No apartado fotográfico temos un sistema de triple cámara traseiro, formado por un sensor principal de 65 MP con f/1.7, un gran angular de 8 MP e un sensor macro de 2 MP. Do outro lado, a súa cámara frontal é de 16 MP con f/2.4, e ocúltase baixo a pantalla. Hai que pór en valor o esforzo do fabricante por mellorar a fotografía nocturna grazas a unha solución software específica chamada Nightscape, que busca potenciar as imaxes tomadas con pouca luz.

A súa batería é de 4500 mAh, e destaca pola súa compatibilidade co sistema de carga rápida SUPERVOOC de 65 W, o que nos permite ter acadar unha autonomía suficiente para aguantar un día con tan só 15 minutos de carga, e acadar o 100% da carga en 32 minutos.

Leva lector de pegadas dixitais, conectividade 5G e WiFi 6, ademais Bluetooth, GPS e conector físico para auriculares, o que fai eu sexa un dispositivo moi completo en todos os aspectos. Como sistema operativo leva Android 11, coa capa de personalización propia de OnePlus, OxygenOS 11.3, aínda que desde o fabricante xa avanzan que actualizará a OxygenOS na segunda metade do ano. OnePlus promete ademais dous anos de actualizacións e tres de parches de seguridade, a contar desde o seu lanzamento.

Dispoñibilidade e prezo

O OnePlus Nord CE 2 5G estará dispoñíbel para mercar a partir do próximo 10 de marzo por 349 euros, aínda que unha semana antes abrirase o prazo para reservalo. Poderase mercar en dúas cores, gris ou azul.

Sobre o autor

Reply