Conscientes de que a semana do Mobile World Congress adoita estar repleta de presentacións, o que dificulta destacar o teu produto entre tanta nova tecnolóxica, Oppo decidiu adiantar uns días a presentación dos seus novos produtos, entre os que se inclúen teléfonos, como o Find X5 5G e o Find X5 Pro 5G, unha nova tablet, a Oppo Pad, un reloxo intelixente, o Oppo Watch Free, e uns auriculares sen fíos, os Oppo Enco X2, entre outros. Son trebellos cos que o fabricante chinés afrontará esta primeira metade do ano, e que xa podemos reservar no noso país.
Oppo Find X5 5G / Find X5 Pro 5G
Os novos smartphones de Oppo, o Oppo Find X5 5G e a súa versión vitaminada, o Oppo Find X5 Pro 5G, son dous dispositivos Android cunhas especificacións de primeira, que poñen o foco na fotografía, ao incorporar a nova NPU MariSilicon X, un chip de fabricación propia deseñado especificamente para o procesado fotográfico, e que permite a ambos modelos capturar imaxes en entornos con pouca iluminación e mellorar os resultados xerais a través da intelixencia artificial. Así mesmo tamén hai que pór en valor a incorporación dunha marca como Hasselblad certificando a calidade das imaxes, o que sen dúbida aporta un punto máis de certificación.
Se nos centramos nas súas características técnicas, o Oppo Find X5 5G vén cun procesador Qualcomm Snapdragon 888, con 8 GB de RAM e 256 GB de memoria interna. A súa pantalla é un panel AMOLED LTPO de 6,55 polgadas, con resolución FHD+ e taxa de refresco de 120 Hz.
Leva catro sensores na cámara traseira, un principal de 50 MP con f/1.8, un gran angular de 50 MP con f/2.2, un ultra gran angular de 50 MP con f/2.2 e un teleobxectivo de 13 MP con f/2.4 2x, ademais do flash LED. Na parte dianteira temos unha cámara frontal de 32 MP con f/2.4.
Na conectividade destaca a compatibilidade coas redes 5G (NSA e SA), Bluetooth 5.2 e WiFi 6. Dispón dunha batería de 4.800 mAh de capacidade, con carga rápida de 80W a través de USB-C e carga sen fíos de 30W, lector de pegadas dixitais baixo a pantalla e protección IP54 para auga e pó.
Pola súa banda, o Find X5 Pro 5G leva un procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 1, 12 GB de RAM e 245 GB de memoria interna. A súa pantalla tamén medra até as 6,7 polgadas, e en resolución até WQHD+ (1600 x 720 píxeles), mantendo iso a taxa de refresco de 120 Hz.
A cámara traseira perde o sensor gran angular do modelo básico, e cambia o sensor principal por un modelo de 50 MP con f/1.7 e 5 eixos de estabilización, e a batería medra até os 5.000 mAh de capacidade, ao tempo que tamén mellora a velocidade de carga sen fíos, que chega aos 50W.
Ambos os dous modelos dispoñen de Android 12, coa interface do fabricante ColorOS na súa versión 12.1.
Oppo Pad
Oppo tamén aproveitou a xornada de presentacións para dar a coñecer a nova Oppo Pad, unha tablet que chega con procesador Qualcomm Snapdragon 870, versións de 6 e 8 GB de RAM e opcións de 128 e 256 GB de almacenaxe interna. A súa pantalla é de 11 polgadas, con resolución QHD+ (2560 x 1600 píxeles), tecnoloxía LCD e taxa de refresco de 120 Hz.
Dispón dunha cámara dianteira, pensada para videochamadas, de 8 MP, e unha traseira de 13 MP con f/2.2. A batería é de 8.360 mAh con carga de 33W, e a conectividade é WiFi 6 e Bluetooth 5.1, ademais de porto USB-C.
O sistema operativo é Android 11, personalizado con ColorOS 11 (actualizábel a Android 12 e ColorOS 12), e é compatíbel co Oppo Pencil, un lapis que serve para sacarlle máis partido ao dispostiivo.
Oppo Watch Free
Oppo tampouco se esqueceu dos accesorios, e entre eles anunciou o seu novo reloxo Oppo Watch Free, un dispositivo que destaca por incorporar OSleep, que realiza un control exhaustivo do sono e axuda tanto a durmir mellor como a levar unha vida máis saudábel realizando deporte e compartindo consellos de saúde e benestar.
OSleep controla os momentos anteriores, durante e posteriores ao sono, e en particular realiza unha exhaustiva avaliación do risco de ronquidos para detectar posíbeis síndromes de apnea do sono (SAS). Avalía continuamente o SpO2 de segundo nível a través dun sensor óptico do nível de saturación de oxíxeno, a detección da variabilidade da frecuencia cardíaca a través dun sensor óptico de frecuencia cardíaca e os propios ronquidos rexistrados polo teléfono.
Dispón dun sensor de movemento de 6 eixos incorporado e un sensor óptico de frecuencia cardíaca que soporta máis de 100 modos de adestramento. Estes sensores identifican e rexistran 4 modos de deporte mediante o uso de algoritmos, polo que non hai que facelo manualmente. Tamén realiza o control da frecuencia cardíaca as 24 horas, e avisa ás usuarias no caso de detectar alteracións.
Leva unha pantalla AMOLED HD de 1,64 polgadas, e unha correa que imita ao coiro, cun axuste transpirábel. A súa batería é de longa duración, cun máximo de 14 días de autonomía. Para momentos de apuro, 5 minutos de carga abondarán para chegar a unha xornada completa de autonomía.
Oppo Enco X2
Por último, os Oppo Enco X2 son uns novos auriculares que contan cun sistema acústico Super Dynamic Balance Enhanced Engine, desenrolado conxuntamento con Dynaudio, e tamén con certificación Hi-Res Audio Wireless, cun códec de audio de alta definición e baixa latencia (LHDC) 4.0).
Está equipado cun sistema de cancelación activa de ruído (ANC), sistema acústico SuperDBEE e unha autonomía de 40 horas (sumando as cargas do estoxo no que se gardan). Con 5 minutos de carga acada 2 horas de reprodución de audio.
Dispoñibilidade e prezos
Os novos Oppo Find X5 5G e Find X5 Pro 5G xa están dispoñíbeis nunha prevenda que se extenderá até o próximo 14 de marzo. Pódense mercar por 999 e 1299 €, respectivamente.
En canto á tablet, a Oppo PAD, aínda non se anunciou a súa data de chegada ao noso país. Os prezos na China son, ao cambio, duns 325 € para a versión de 6 + 128 GB, uns 380 € para a de 6 + 128 GB e duns 425 € con 8 + 256 GB. Existe ademais unha versión “Artist Edition” que leva 8 + 256 GB e o lapis por algo menos de 500 €.
O smartwatch, o Oppo Watch Free, pódese adquirir por 99 €, e os Oppo Enco X2 por 179 €.