HMD Global anuncia tres novos smartphones asequíbeis de Nokia Serie C

A semana na que Barcelona está a acoller o Mobile World Congress (MWC) 2022, HMD Global, a compañía detrás da marca Nokia, anuncia a chegada de tres novos smartphones Nokia pertencentes á serie C. Trátase dos Nokia C21, Nokia C21 Plus e do Nokia C2 2nd Edition, tres modelos de gama entrada asequíbeis que destacan pola durabilidade e a autonomía, combinado cunha política de actualizacións que garante dous anos de actualizacións de seguridade trimestrais garantidas.

Nokia C21

O Nokia C21 é un modelo básico cun prezo de saída por baixo do umbral psicolóxico dos 100 euros, que non por iso renuncia a contar cunha pantalla de grandes dimensións, concretamente un panel LCD de 6,5 polgadas con resolución HD+ e notch con forma de pinga, no que alberga a cámara frontal.

No seu interior atopámonos cun procesador de oito núcleos a 1,6 GHz, o Unisoc SC9863a, xunto con opcións de 2 ou 3 GB de memoria RAM e de 32 ou 64 GB de memoria interna, dependendo das versións, que en todos os casos as usuarias poderán ampliar a través de tarxetas microSD.

As súas cámaras son de 8 e 5 megapíxeles – traseira e frontal, respectivamente – e a súa batería fica nos 3.000 mAh de capacidade con carga de 5W, unha velocidade lonxe das velocidades ás que estamos acostumados actualmente en segmentos superiores.

Nokia C21 Plus

Un paso por diante está o Nokia C21 Plus, un dispositivo que non medra en tamaño de pantalla (mantén as 6,5 polgadas HD+) nin en procesador (leva o mesmo Unisoc SC9863a), pero si que mellora algunhas prestacións, chegando até os 4 GB de memoria RAM e ampliando a batería até os 4.000 mAh con carga de 10W, iso si, a través de cargador microUSB, non do USB-C que se está a converter nun estándar.

A cámara traseira é neste caso dobre, cun sensor principal de 13 MP e un secundario con funcionalidades de modo retrato, aínda que no caso da cámara frontal mantémonos nos mesmos 5 MP ca no C21.

Dispón de certificación IP52 para a protección contra o pó e pequenas salpicaduras de auga, que non somerxemento, ademais de lector de pegadas dixitais e dous anos de actualizacións de seguridade trimestrais.

Nokia C2 2nd Edition

Da segunda edición do Nokia C2, un terminal Android Go, o fabricante destaca a súa resistencia e durabilidade, pondo en valor que foi deseñado para resistir os golpes cotiás grazas a contar cun resistente chasis metálico e a ter pasado unha serie de probas para garantir certo grao de resistencia.

A pantalla é un panel de 5,7 polgadas IPS con resolución FWVGA+ (480 x 960 píxeles), o seu procesador un modelo Mediak de catro núcleos a 1,5 GHz, e a capacidade das súas memorias oscila entre 1 e 2 GB para a memoria RAM, con 32 GB de memoria interna ampliábeis.

As cámaras son de 8 e 5 megapíxeles, a batería de 2.000 mAh de capacidade e o sistema operativo Android Go 11, é dicir, a versión de Android específica para os modelos máis básicos. Malia todo, leva lector de pegadas dixitais traseiro

Dispoñibilidade e prezo

Os Nokia C21 e Nokia C21 Plus chegarán proximamente ao noso país en drúas cores, gris e azul, e diferentes combinacións de RAM e almacenaxe interno. Os prezos de partida serán de 99 € para a versión máis básica do C21, e de 119 € para a do Nokia C21 Plus.

En canto ao Nokia C2 2nd Edition non se facilaron datas de prezo nin dispoñibilidade, pero de seguro que sae ao mercado cun prezo inferior ao C21.

Sobre o autor

Reply