Novos Poco X4 Pro 5G e Poco M4 Pro

O fabricante chinés Xiaomi presentou no marco do Mobile World Congress de Barcelona dous novos dispositivos da familia POCO. Trátase dos novos POCO X4 Pro 5G e o POCO M4 Pro.

O primeiro destes dous modelos, o POCO X4 Pro 5G, é un modelo máis ambicioso. Trátase do último smartphone da marca que ofrece unha experiencia completa nun terminal de prezo contido, e inclúe moitas das características máis demandadas polo público, sen ter que acudir aos modelos de gama alta que os diferentes fabricantes teñen nos seus portfolios.

A súa pantalla é un dos seus principais atractivos, xa que incorpora un panel de 6,67 polgadas con resolución FHD+ (2400 x 1800 píxeles), tecnoloxía AMOLED e taxa de refresco de 120 Hz. Tamén destaca a cámara, onde atopamos un sensor principal de 108 MP que nos permite sacar fotografías con gran nivel de detalle, que ademais está acompañado dun segundo sensor ultra ancho de 8 MP e unha microcámara de 2 MP na parte traseira, mentres que por diante temos un sensor de 16 MP.

O procesador é un Qualcomm Snapdragon 696 5G, que ofrece oito núcleos con velocidades de até 2,2 GHz, e que ademais ofrece a cada vez máis demandada conectividade 5G. Xunto a el, 8 GB de memoria RAM (+3 GB de RAM virtuais) e 256 GB de memoria interna. Leva unha batería de 5.000 mAh con carga rápida de 65 W.

Pola súa banda, o POCO M4 Pro é un dispositivo máis modesto, que incorpora un panel AMOLED de 6,43 polgadas e frecuencia de 90 Hz, combinado con altofalantes duais para unha experiencia multimedia optimizada. O seu procesador é un MediaTek Helio G96, e a combinación de memorias é de novo de 8 + 256 GB, coa posibilidade de integrar 3 GB de RAM virtuais deses 256 GB, como no X4 Pro.

A cámara principal é de 64 MP, e vén con sensores ultra ancho de 8 MP e macro de 2 MP. A frontal sitúase nos 16 MP para os selfies. En canto á batería, temos novamente unha batería de 5.000 mAh, aínda que neste caso a carga rápida queda nos 33 W.

Dispoñibilidade e prezo

O POCO X4 Pro 5G estará dispoñíbel a partir do 7 de marzo por 299 € na versión de 6 + 128 GB, ou por 349 € na de 8 + 256 GB, aínda que como vén sendo habitual na marca durante os primeiros dous días, até o día 9, poderase adqurir por 269 ou 319 €, respectivamente. As cores dispoñíbeis serán amarelo, azul ou negro.

En canto ao POCO M4 Pro, poderase mercar desde o día 2 de marzo por 219 € na versión de 6 + 128 GB ou por 269 € na de 8 + 256 GB, nas tres mesmas cores. O prezo especial de lanzamento, desde as 13 horas do 2 de marzo até as 13 horas do 4 de marzo, será de 249 € para a versión de 256 GB.

Sobre o autor

Reply