Vodafone anuncia o 5G nestes 81 concellos galegos e “Hogar 5G”, a solución para fogares que permite prescindir da fibra

O paso de Vodafone polo Mobile World Congress déixanos varios anuncios vencellados aos avances dos despregamentos da súa rede 5G. Os dous máis destacados son a a presentación de Hogar 5G, unha solución para levar a rede 5G a fogares e empresas, e a ampliación da cobertura 5G, chegando a novas localidades, entre elas varias cidades e vilas galegas.

Hogar 5G

A través da solución Hogar 5G, Vodafone comercializará unha solución que permite acadar velocidades de até 1 Gbps a través da tecnoloxía FWA 5G, co obxectivo de que sexa tanto un complemento á fibra para chegar a aqueles lugares no que o despregamento da rede cableada non chega, mais tamén para aquelas localizacións nas que si que existe esa cobertura pero nas que pode algunha vantaxe adicional – especialmente practicidade – esta solución.

Entre as súas vantaxes, as principais son as da rapidez e facilidade de autoinstalación, xa que tan só haberá que enchufar o router – provisto dunha tarxeta 5G – para que comece a funcionar, sen necesidade de ter que facer instalacións ou adaptacións no fogar ou empresa.

Inicialmente está previsto que esta opción chegue a 64 cidades de máis de 100.000 habitantes, mais coa intención de que se amplíe ao conxunto de emprazamentos nos que Vodafone está a ampliar a súa rede 5G de datos. A incorporación ao portfolio de tarifas de Vodafone será nos próximos meses, logo de que durante varias semanas a compañía estivese a probar esta solución en entornos reais, con clientes que aseguraron ter unha experiencia de conectividade moi semellante á que teñen coa fibra.

Ampliación da cobertura 5G

Outro dos anuncios de Vodafone no MWC foi o da ampliación da súa rede de cobertura 5G, coa previsión de acadar o 46% da poboación ao longo de 2022 e un total de 1.000 localidades, das cales 133 son poboacións de máis de 50.000 habitantes, 605 de entre 1.000 e 50.000 e 245 correspóndense con concellos de menos de 1.000 habitantes. Será a través das frecuencias de 700 MHz, da de 3.500 MHz ou do uso de ambas.

No caso de Galiza, serán 81 os concellos nos que Vodafone despregará a rede 5G ao longo deste 2022. Ademais da Coruña e Vigo, onde xa había cobertura, a rede 5G de Vodafone estará dispoñíbel este ano en Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cabanas, Cambre, Culleredo, Fene, Ferrol, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Rois, Santiago de Compostela, Teo, Arzúa, Boiro, Brión, Carballo, Carral, Muros, Noia, Oleiros, A Pobra do Caramiñal, Sada, San Sadurniño, Valdoviño, Abadín, Barreiros, Begonte, Lourenzá, Mondoñedo, Ribadeo, Vilalba, O Páramo, Cospeito, Foz, Lugo, Palas de Rei, Viveiro, Celanova, Barbadás, Os Blancos, Quintela de Leirado, A Arnoia, O Barco de Valdeorras, Castrelo do Val, Nogueira de Ramuín, Toén, Ourense, Barro, Caldas de Reis, Mos, Poio, Pontevedra, O Porriño, Portas, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa, As Neves, Sanxenxo, Marín, Gondomar, Meis, Ribadumia, Vilanova de Arousa, Baiona, Cambados, O Grove, Meaño, Salceda de Caselas, A Illa de Arousa e Nigrán.

Ademais Vodafone destacou que xa está a reforzar a banda de 700 MHz, que vén de ser liberada e que mellora a cobertura e servizo en interiores de edificios e zonas rurais, en 25 grandes cidades que xa tiñan 5G coa banda de 3,5 GHz, no caso de Galiza, nas da Coruña e Vigo.

Sobre o autor

No Responses

Reply