moto g22, o novo dispositivo de Motorola

Motorola é outro dos fabricantes que iniciaron este mes de marzo anunciando novidades, neste caso coa incorporación ao seu portfolio dun novo smartphone da serie moto g. Trátase do modelo moto g22, un terminal de entrada que, malia todo, non renuncia a contar cun deseño elegante e estilizado e unha ficha de características que cumpre cuns mínimos a exixir a calquera dispositivo.

O que máis destaca deste modelo é a parte fotográfica, onde integra un sistema de cámara cuádruple formado por un sensor principal de 50 MP reforzado con tecnoloxía Quad Pixel, ao que acompaña unha lente gran angular de 118 graos, un sensor de profundidade específico para un modo retrato máis eficiente, e unha cámara Macro Vision que permite capturar primeiros plano extremos. Do outro lado, na parte dianteira do dispositivo, temos unha cámara para selfies de 16 MP.

A súa pantalla é un panel tipo LCD de 6,5 polgadas, con resolución HD+ e unha taxa de refresco de 90 HZ. Leva no seu interior un procesador MediaTek Helio G37, 4 GB de memoria RAM e 128 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD. A súa batería é de 5.000 mAh de capacidade, con carga de 15 W.

Completando a listaxe de características, o moto g22 inclúe protección contra pó e salpicaduras, ten conectividade 4G e WiFi de dobre banda e, en canto ao software, aposta por incluír Android 12 sen molestas capas de personalización, o que evita que un terminal de entrada coma este teña que asumir software extra que use os seus recursos.

Dispoñibilidade e prezo

O novo moto g22 chegará ao noso país nas próximas semanas por 199 euros. Estará dispoñíbel para mercar en negro ou azul.

Sobre o autor

Reply