Telefónica acende en Galiza o 5G na banda de 700 MHz

Logo da autorización do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital do pasado mes de febreiro, pola que se permite o acendido da banda de 700 MHz ás operadoras, Telefónica vén de poñer en marcha os equipos instalados en 14 concellos de Galiza para poder ofrecer cobertura 5G na banda de 700 MHz.

Por provincias, na Coruña foron activados nodos de 700 MHz en estacións base situadas en Culleredo, Irixoa, Fisterra, Sada e Coristanco; en Pontevedra, en Lalín, Redondela, Pontevedra, Valga e Vigo; en Lugo, no Páramo e Becerreá; e en Ourense, en Vilardevós e Pereiro do Aguiar.

A banda de 700 MHz, coñecida como “banda baixa”, permite a Telefónica dar unha cobertura moito máis extensa, penetrar mellor en interiores e universalizar algunhas das características das comunicacións 5G, como é a baixa latencia. Deste modo, convértese no complemento perfecto para a banda de 3.5 GHz, na que tamén opera Telefónica, e que é axeitada para servizos que precisan moi alta velocidade de transmisión, aínda que a costa de ter un menor alcance e peor penetración en interiores.

O acendido da banda de 700 MHZ será paulatino, xa que desde a Administración estableceuse que só se permite facelo en 60 instalacións por semana durante as primeiras semanas. Ademais, as compañías teñen que comunicar previamente as poboacións onde se vai a acender, para que se comprobe que non hai interferencias coa TDT e se poidan resolver puntuais casos que se produzan.

O obxectivo de Telefónica é rematar o ano con 1.400 concellos cubertos con cobertura de 700 MHz, e en 2023 chegar aos 2.400. Na actualidade, a rede 5G, na banda de 3.5 GHz, chega a máis do 80% da poboación, incluíndo tanto todas as capitais de provincia como moitas localidades de menos de 3.000 habitantes.

Sobre o autor

Reply