MásMóvil e Orange fusionaranse ao 50%

As especulación sobre a fusión de operadoras que veñen meses anunciándose comezaron a despexarse onte, logo de que Orange e MásMóvil tiveran confirmado estar en negociacións para combinar ambas operadoras, coa creación dunha “joint venture” controlada no 50% por cada parte. Estas negociacións deixan fóra de toda especulación a Vodafone, operadora que leva tempo co cartel de “véndese” colgado no Estado español, e quen a priori tiña todas as papeletas para chegar a un acordo semellante ao que vén de acadar Orange con MásMóvil.

A fusión do Grupo Orange e o Grupo MásMóvil ascende a 20.000 millóns de euros, cunha cifra de ingresos de 7.500 millóns de euros e un aforro duns 450 millóns de euros ao ano, pola redución en custes e a optimización de redes. As previsións de ambas compañías é que esta fusión poida iniciarse formalmente coa firma do acordo de fusión ao longo do segundo trimestre do ano, e que remate a mediados de 2023, logo de ter superado os trámites de aproboación por parte edas diferentes autoridades de competencia.

A suma de ambas compañías suporá a integración dos activos e equipos, e dará servizo a 7,1 millóns de clientes de servizos fixos (5,6 millóns de clientes converxentes), e 20,3 millóns de clientes de móbil (contando só o segmento postpago), ademais de 1,5 millóns de clientes con TV. Con estas cifras, a compañía resultante será, con diferenza, o maior grupo de telecomunicacións que opere no Estado español, superando notabelmente mesmo a Telefónica en número de clientes, aínda que non ingresos.

A unión do Grupo Orange e do Grupo MásMóvil supón tamén acoller baixo o mesmo paraugas unha chea de marcas que tanto Orange como MásMóvil foron adquirindo nos últimos anos. Así, o Grupo resultante desta fusión contará coas marcas Orange, Jazztel, Simyo, MásMóvil, Yoigo, Pepephone, LlamaYa, Lebara, Lycamobile, Virgin Telco, Euskaltel, R, Telecable e Guuk.

Logo deste anuncio, todas as miradas se dirixen a Vodafone, compañía que queda fóra das quinielas de compras e fusións de envergadura. O seu futuro, seguramente, pase por deixarse mercar por algún fondo de inversión que permita unha inxección de liquidez para asegurar o terceiro posto a nivel estatal, ou tratar de facerse con algunha das marcas que veñen pisando forte, como Finetwork, Avatel ou Digi, que ademais serán as grandes beneficiarias dos remedies de desinversión e cesión de activos a terceiros que, con toda seguridade, imporán os entes reguladores.

Sobre o autor

No Responses

Reply