Cat Q10, o novo hotspot 5G robustecido de Bullitt Group

Cat Phones anunciou no pasado Mobile World Congress o Cat Q10, un dispositivo portátil que permite o acceso á Internet 5G, proporcionando unha conexión a Internet rápida e fiábel para múltiples dispositivos, e que está especialmente deseñado para traballar ao aire libre.

Tal e como vén sendo habitual nos dispositivos deseñados por Cat, o novo hotspot Cat Q10 é resistente ao pó e á auga segundo os estándares de protección IP68, e conta ademais coa certificación militar Mil-Spec 810H, o que lle permite resistir facilmente nas condicións máis duras de frío e choiva. Ademais, tamén foi sometido a probas de caída de até 1,8 metros de altitude, e dispón dunha batería de 5.300 mAh que ofrece unha gran autonomía de funcionamento.

Os puntos de acceso a Internet móbil son uns dispositivos especialmente útiles cando as redes WiFi a través de banda larga fixa non están dispoñíbeis ou non son fiábeis e, pola contra, estamos nun sitio con boa cobertura móbil 4G / 5G. Os dous factores diferenciais deste modelo de CAT fronte os que podemos atopar no mercado, son a conectividade 5G – que aínda non é habitual atopala neste tipo de dispositivos – e o seu deseño robostecido, que permite o uso á intemperie, mesmo en entornos con area ou neve, facendo que sexa axeitado para a mobilidade.

Polo momento non se deu información sobre o seu prezo ou momento no que poderá estar dispoñíbel, aínda que podemos imaxinar que será en cuestión de poucas semanas.

Sobre o autor

Reply