Samsung anunciou na tarde de onte a chegada dos novos Galaxy A53 5G e Galaxy A33 5G, dous dispositivos da popular serie A do fabricante surcoreano, que inclúen un procesador de nova xeración, xunto coa cámara con Intelixencia Artificial (IA) de Samsung. Ademais, os dous modelos contan con conectividade 5G, ofrecendo o último en conectividade móbil a prezos máis axustados.
O Galaxy A53 5G inclúe unha cámara cuádruple, cun sensor principal OIS de 64 MP con tecnoloxía VDIS e un sensor frontal de 32 MP para selfies máis nítidas e mellor calidade durante as videochamadas. Grazas a un procesador fabricado en 5 nm e ao uso da IA, a cámara dos novos Galaxy A melloran significativamente as imaxes con pouca luz, destacando o modo nocturno que sintetiza automaticamente até 12 imaxes á vez para conseguir resultados máis brillantes e con menos ruúdo. Tamén mellora o modo retrato, cun axuste da profundidade máis correcto.
Paras as pantallas, Samsung apostou pola súa tecnoloxía Super AMOLED, incluíndo un panel de 6,5 polgadas con taxa de refresco de 120 Hz no Galaxy A53 5G, e de 6,4 polgadas con taxa de refresco de 90 Hz no Galaxy A33 5G. A batería, en ambos modelos, chega até os dous días, segundo os datos do fabricante, e contan con carga rápida de 25W.
Contan con protección Corning Gorilla Glass 5 e resistencia á auga e pó segundo o estándar IP67, e inclúen One UI con até catro xeracións de actualización do sistema operativo, para maximizar o ciclo de vida do smartphone. Ademais, inclúen Carpeta Segura con Samsung Knox, e terán Samsung Wallet para gardar todas as tarxetas, tanto as de pago como entradas ou tarxetas de embarque.
Dispoñibilidade e prezo
O novo Samsung Galaxy A53 5G chega ao mercado o 1 de abril por 449 € na versión de 128 GB ou 509 €, na de 256 GB, pero xa se pode facer a precompra, levando como agasallo uns Samsung Galaxy Buds Live.