O fabricante realme vén de anunciar a incorporación á gama Narzo do novo realme Narzo 50, un smartphone de gama entrada que destaca por incluír un procesador deseñado para xogos, unha pantalla de grandes dimensións e carga rápida.
No seu interior, o Narzo 50 leva un procesador MediaTek Helio G96, que conta con dous núcleos Cortex-A76 e seis núcleos Cortex-A55, con velocidades de até 2,05 GHz. Comercialízase nunha única versión, con 128 GB de memoria interna e 4 GB de RAM, aínda que para mellorar a experiencia de xogo conta con tecnoloxía de expansión de RAM, que permite ampliala até 11 GB, usando a capacidade interna.
A pantalla ten 6,6 polgadas e unha taxa de refresco de 120 Gz e 180 Hz de taxa de mostreo táctil, e a súa batería acada os 5.000 mAh de capacidade, con carga rápida de 33W, que carga por completo o terminal nunha hora e 10 minutos.
En canto á fotografía, o Narzo 50 chega equipado cunha triple cámara, sendo o sensor principal de 50 MP e cunha gran apertura. Ademais leva un sensor macro e un sensor en brano e negro para crear un efecto artístico nos retratos.
Dispoñibilidade e prezo
O novo realme Narzo 50 estará a vénda desde mañá, 1 de abril, até o día 7 en exclusiva a través de PCComponentes por un prezo especial de lanzamento de 179,99 €, e a partir do día 8 de abril en Amazon, tamén co mesmo prezo especial. A partir dese momento seu prezo será de 219,99 €, e poderase mercar en negro ou azul.