Nos últimos dous anos avanzouse a pasos de xigante, naqueles traballos que o permiten, na aposta por modelos híbridos e xornadas flexíbeis, o que exixe a preparación do persoal para contar coas capacidades que lle permiten enfrontarse a novos desafíos, como a propia mobilidade ou as novas ameazas de seguridade.
Nesa liña, Microsoft vén de anunciar diversas novidades nas súas edicións profesionais de Windows 11 e Windows 365 nas áreas de administración, seguridade, produtividade e colaboración, co obxectivo de seguir impulsando un ecosistema doado de administrar polos departamento de tecnoloxía.
Entre estas novidades está a protección integrada chip-to-cloud, capas de protección de hardware e software estreitamente integradas. Microsoft ten colaborado cos diferentes fabricantes de dispositivos para elevar a seguridade contra múltiples vecotres de ataque, co obxectivo de que os dispositivos estean máis protexidos ca nunca ante o phishing, contrasinais vulnerábeis, malware, ransonware, perda de datos ou o grave risco de ataques directos contra o hardware cando un ciberdelincuente ten acceso físico a un dispositivo tras o seu roubo ou perda.
Todo isto tradúcese en dúas novas funcións, Microsoft Defender SmartScreen, que reforza a protección das usuarias dos ataques de phishing ao identificar e alertarles cando introducen as súas credencias nunha aplicación maliciosa ou nunha web baixo o control de ciberdelincuentes, e Smart App Control, que combina os certificados de firma de código xunto a modelos de intelixencia artificial (IA) para garantir que só se executen aplicacións seguras.

Por outra banda, Microsoft tamén ofrecerá proximamente novas integracións que unen a potencia de Windows 11 e Windows 365, destacando Windows 365 Switch, para unha transición fluída entre o PC na nube e o equipo local con só clic; e Windows 365 Boot, para iniciar directamente o PC na nube con Windows 365 nun só paso, permitindo a resincronización automática despois de traballar sen conexión, sen perder ningún dato, con Windows 365 Offline. Ambos escenarios supoñen un paso máis na integración da nube de Windows e Microsoft.

Para desfrutar destas características avanzadas, Microsoft recomenda apostar polos fabricantes cos que traballa directamente, entre os que se inclúen Acer, ASUS, Dell, Fujitsu, Getac, HP, Lenovo, MSI, NEC PC, Panasonic e Samsung, xunto cos fabricantes de chips AMD, Intel e Qualcomm.