Vivo X Fold, o teléfono encartábel de Vivo

Aínda que xa tiñamos visto fotos do novo teléfono encartábel da chinesa Vivo, non foi até onte cando a compañía fixo oficial o lanzamento do Vivo X Fold, un dispositivo semellante ao Samsung Galaxy Fold3 5G, co que aspiran a captar unha parte do potencial público de Samsung.

O novo modelo de Vivo leva unha pantalla principal – encartábel – de 8 polgadas con calidade QHD+ (2200 x 1800 píxeles) e frecuencia de 120 Hz, mentres que a externa é un panel AMOLED de 6,53 polgadas FullHD+ (2520 x 1080 píxeles) a 120 Hz.

Dándolle vida temos un procesador Qualcomm 8 Gen 1, acompañado de 12 GB de memoria RAM e versións de 256 e 512 GB de capacidade interna. A súa batería é de 4600 mAh de capacidade, con carga rápida de 66 W a través do cable e de 50 W sen fíos. Por suposto, é compatíbel coas redes 5G, e tamén dispón de outros elementos de conectividade, como NFC e USB-C, e de seguridade, como o lector de pegadas dixitais, situado sobre a pantalla.

En canto á fotografía, a cámara principal está formada por catro sensores, o principal de 50 MP. Xunto a el, temos un gran angular de 48 MP, un teleobxectivo x3 de 12 Mp e un segundo teleobxectivo x5 de 8 MP. Na parte frontal, o fabricante optou por unha cámara única e 32 MP.

Dispoñibilidade e prezo

Polo de agora, Vivo confirmou a dispoñibilidade deste modelo en China, onde se pode mercar por uns 1300 euros a versión de 256 GB e por uns 1450 € a de 512 GB. Polo de agora non se confirmou a súa dispoñibilidade internacional, e tampouco se prevé que vaia haber novidades axiña.

Sobre o autor

No Responses

Reply