Vivo Pad, potencia a prezo contido na nova tablet de Vivo

Estes días o fabricante chinés Vivo presentou varias novidades, entre elas o seu primeiro terminal encartábel, o Vivo X Fold, do que falamos onte, mais tamén unha tablet que se sitúa nunha gama media – alta pola súa folla de especificacións, aínda que mantendo uns prezos bastante contidos. Falamos da nova Vivo Pad.

Nesta tablet Vivo decidiu integrar unha pantalla de 11 polgadas, un panel tipo AMOLED con resolución 2,5K (2560 x 1600 píxeles) e unha taxa de refresco de 120 Hz. No seu interior non se escatimou en potencia, ao ter seleccionado un dos chips máis potentes de Qualcomm, o procesador Snapdragon 870, xunto con 8 GB de memoria RAM e opcións de 128 ou 256 GB de capacidade de memoria interna.

A autonomía vén dada por unha batería de 8040 mAh de capacidade, que admite carga rápida de 44 W, e en canto á conectividade temos WiFi 6, Bluetooth 5.1, NFC, conector USB Tipo C e jack de audio de 3.5 mm.

No campo da fotografía, Vivo apostou por incorporar un dobre sensor traseiro, sendo o principal de 13 MP e o secundario – un gran angular – de 8 MP. Na parte frontal, a cámara – única – é de 8 MP. A experiencia multimedia complétase con catro altofalantes con soporte Dolby Atmos Sensor.

Dispoñibilidade e prezo

A Vivo Pad poderase mercar na China en tres cores (branco, negro e azul) e en dúas configuracións de memoria (128 ou 256 GB), sendo os seus prezos duns 360 € e uns 430 € ao cambio, dependendo da capacidade interna.

Ao igual que aconteceu co Vivo X Fold, o fabricante non deu aínda pistas sobre a súa comercialización fóra da China.

Sobre o autor

Reply