Samsung anuncia a última incorporación á gama Galaxy M co Galaxy M53 5G

Samsung anunciou hai uns días o lanzamento do Galaxy M53 5G, a última incorporación da compañía á gama Galaxy M, que hoxe sae a prevenda no mercado español. O novo modelo do fabricante surcoreano destaca polo seu deseño fino e elegante, con apenas 7,4 mm de grosor, e unha folla de especificacións na que destaca a súa cámara de 108 megapíxeles.

O Galaxy M53 5G está equipado cunha pantalla Infinity-O AMOLED+ de 6,7 polgadas con resolución FHD+ e unha taxa de refresco de 120 Hz. No seu interior integra un procesador MediaTek octa-core (2 x 2,4 GHz + 6 x 2 GHz), xunto con 8 GB de memoria RAM e 128 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 1 TB de capacidade.

No apartado fotográfico destaca a súa cámara principal, cun sensor de 108 MP que está a ser bastante habitual na gama media – alta, e que se completa con outros tres sensores: un gran angular de 8 MP, un sensor macro de 2 MP e un sensor de profundidade de 2 MP. Na parte frontal temos unha cámara de 32 MP.

Leva 5.000 mAh de capacidade de batería, e é compatíbel coa carga rápida de até 25W. Completan a folla de especificacións un amplo abano de opcións de conectividade, incluíndo 5G, WiFi de dobre banda ou Bluetooth 5.2, entre outros.

Dispoñibilidade e prezo

Como xa avanzamos ao comezo deste artigo, o novo Samsung Galaxy M53 5G estará dispoñíbel en prevenda desde hoxe, 18 de abril, até o próximo 1 de maio, a través de Amazon.es, PC Componentes e a propia web de Samsung, con 50 € de desconto sobre o seu prezo habitual, que será de 519 €.

Sobre o autor

Reply