Analizamos a Samsung Galaxy Tab S8 Ultra

Cando Samsung anunciou o pasado mes de febreiro as súas novas tablets da serie Galaxy Tab S8, houbo un modelo que chamou enormemente a nosa atención, a Samsung Galaxy Tab S8 Ultra. E non o fixo só polo seu tamaño “descomunal” acadando as 14,6 polgadas, senón tamén polas súas características técnicas.

Agora puidémola probar durante unhas semanas para ver como se comporta no día a día, e os resultados destas probas condensámolos nesta análise.

Deseño e acabados

Como dixemos ao comezo deste artigo, a nova Samsung Galaxy Tab S8 Ultra é unha tablet de grandes dimensións, xa que para albergar a pantalla de 14,6 polgadas temos un dispositivo de 326,4 x 208,6 mm. Porén, a diferenza do que puidera parecer, esta resulta extremadamente fina, cun grosor de 5,5 mm, que só sobresae no módulo da cámara traseira. Este tamaño resultounos moi cómodo para usala en horizontal, facendo as funcións de portátil, mais tamén como dispositivo de lectura, aínda que para iso tivemos que pasar por un tempo de “adaptación” ao tamaño.

A parte frontal é todo pantalla, agás un pequeno notch no que se albergan as cámaras frontais, e os controis de volume e acendido sitúanse no lateral dereito (ou parte superior se a temos colocada de forma horizontal). Na parte inferior temos o porto USB-C e na traseira unicamente o módulo de cámara, que continúa nunha liña co espazo reservado á carga do S-Pen.

En canto aos materias, Samsung apostou polo uso do aluminio, o que lle aporta lixeireza ao tempo que resistencia, ademais de ofrecer unha sensación de agarre cómoda.

Hardware e rendemento

Como modelo de gama alta e referencia do portfolio actual de Samsung, a Galaxy Tab S8 Ultra ofrece unha folla de especificacións de alto nivel, contando no seu interior cun procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 1, e diferentes configuracións de RAM (8, 12 ou 16 GB) e memoria interna (128, 256 ou 512 GB, ampliábeis mediante tarxetas microSD.

Dispón de catro altofalantes estéreo, compatíbeis con Dolby Atmos e son certificado por AKG, ademais dun sistema de tres micrófonos para conseguir unha entrada de son óptima. A súa conectividade vén dada polo 5G (na versión con conectividade móbil), ademais de WiFi 6E, Bluetooth 5.2, USB tipo C e lector de pegadas dixitais, situado baixo a pantalla.

Con esta folla de características é evidente que a experiencia é superlativa, e a tablet non defrauda nese nivel, sendo quen de mover con fluidez calquera aplicación, sen excepcións.

Para sacarlle todo o partido consideramos imprescindíbel facerse coa funda con teclado, que se divide en dúas partes, unha traseira que permite manter a pantalla en pé, e outra o propio teclado. Grazas a ela podemos traballar como se fose un portátil estándar.

Pantalla

A súa pantalla é un panel tipo SuperAMOLED de 14,6 polgadas, con resolución 1960 x 1848 píxeles (densidade de 250 ppp), e formato 16:10. Esta ofrece unha calidade de visionado extraordinaria, tanto pola xestión do seu brillo, como polos ángulos de visión que permite.

Ademais, é compatíbel con HDR10+ e permite a elección da taxa de refresco, entre 60 ou 120 Hz, para adaptarse ás aplicacións que poidan necesitar que esta frecuencia sexa maior. Para as usuarias más avanzadas, a configuración permite elixir do balance de brancos ou a calidez.

En definitiva, a experiencia audiovisual que ofrece a pantalla é extraordinaria, moi na liña do que vén ofrecendo Samsung nos seus dispositivos de gama alta. A maiores, conta con protección Gorilla Glass 5 para protexerse dos pequenos golpes e rabuñadas.

Cámara

A nivel fotográfico, Samsung decidiu implementar un sistema de dobre cámara na parte traseira, formado por un sensor principal de 13 megapíxeles con f/2.0, e un segunda gran angular con resolución de 6 MP (f2.2), que se ben ofrecen unha boa resolución e imaxes de boa calidade, o uso da tablet para tomar fotografías resulta realmente incómodo debido ao seu tamaño.

Por iso parécenos máis interesante a aposta por un sistema de dobre cámara para a parte frontal, formado pola convinación de dous sensores de 12 MP, un deles gran angular. Esta cámara compórtase moi ben en case todo tipo de situacións, mesmo en espazos con pouca luz, pero ademais permiten ter un amplo campo de visión, algo que agradeceremos se, por exemplo, queremos facer unha videochamada con múltiples usuarios, permitindo que ninguén quede fóra de plano.

Software

En canto ao software, a tablet vén coa última versión de Android (Android 12), e conta co portfolio de aplicacións que permiten sacarlle partido a funcionalidades como o S-Pen (vén incluído), especialmente no que ten a ver coa xestión gráfica e a toma de notas manuscritas (PENUP, Clip Studio…).

Certo é que Android segue a ter certo déficit de adaptación das aplicacións a tablets ou pantallas de certo tamaño, especialmente se falamos de apps típicas como as das redes sociais, que non están pensadas para usar neste tipo de dispositivos. Non é así con outras aplicacións, como a suite de Google, ou os programas ofimáticos, que resultan moi cómodos neste tamaño.

Batería

A batería é de 11.200 mAh de capacidade, que nos ofrece unha autonomía de preto de 10 horas configurada a 120 Hz, o cal é algo a destacar, xa que nos permite traballar (ou desfrutar) do dispositivo durante longas xornadas de traballo ou viaxes, sen dependencias do cargador.

Como é de agardar, ofrece carga rápida, neste caso de 45W, se vén é certo que segue a liña dos últimos dispositivos de Samsung e se comercializa sen cargador, polo que debemos de facer cun – se non dispomos del – que sexa capaz de sacarlle todo o partido.

En calquera caso, aínda coa carga rápida, completar o 100% da autonomía leva preto de 3 horas, debido ao tamaño da mesma.

Conclusións

Se buscamos unha tablet de gama alta en Android, a día de hoxe as opcións redúcense practicamente ao portfolio de Samsung. E se ademais buscamos o mellor do mellor, só nos queda optar polo modelo “Ultra” da Galaxy Tab S8.

O formato – e mesmo o tamaño – namorará a uns e botará para atrás a outros, mais a nosa experiencia con ela non puido ser máis positiva. Tanto pola potencia para mover aplicacións, como para o seu uso como ferramenta de traballo, como tamén para visualizar contidos multimedia. O plus da conectividade 5G é outro dos elementos diferenciais, nun momento no que estamos a apostar por entornos de traballo híbridos.

A nova tablet Samsung Galaxy Tab S8 Ultra parte dos 1149 € para o modelo máis básico con conectividade WiFi, e se pode adquirir tanto a través da páxina de Samsung como dos principais retailers.

Sobre o autor

Reply