Pola nosa mesa de análises estivo nas últimas semanas o motorola defy, un terminal robustecido fabricado en colaboración con Bullit, a compañía que tamén está detrás dos terminais CAT. Trátase dun teléfono que rompe moldes, e que conta cun hardware competente para o día a día daquelas persoas que necesitan un extra de seguridade, tal e como veremos nos próximos apartados.
Deseño e acabados
O primeiro que chama a atención do motorola defy é sen dúbida o seu deseño, afastado do concepto de terminal robustecido que tiñamos anos atrás. Lonxe quedan os teléfonos pesados e grosos, en certa maneira incómodos para suxeitar ou levar no peto do pantalón. O defy, ao contrario, é un dispositivo que ten unha presenza resistente ao tempo que resulta lixeiro (a pesar dos seus 230 gramos) e manexábel.
A parte frontal está protagonizada pola súa pantalla, que conta cun pequeno notch na parte superior en forma de pinga de auga para albergar a cámara. Destaca tamén o recurte dunha das esquinas inferiores, onde alberga un oco para introducir unha correa de suxección, integrada na carcasa traseira, de tacto rugoso para evitar que esvare.
No lateral dereito temos os botóns de acendido de de control de volume, ademais dun botón de acceso directo a Google Assistant, aínda que podemos aplicarlle outro uso; e na parte inferior está o porto USB, xunto co altofalante e conector para auriculares. Por último, na parte traseira sitúase o sensor de pegadas dixitais, que funciona tamén co dedo húmido, e o módulo das cámaras .
En canto a certificados de resistencia, inclúe algúns dos máis habituais nestes modelos, como o militar MIL-SPEC 810H e a protección contra auga e pó IP68
Hardware e rendemento
No seu interior, o motorola defy está equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 662, xunto con 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna, ampliábeis a través de tarxetas microSD. En xeral, durante as semanas que estivemos probando o terminal, vimos que se comporta bastante ben en todo tipo de situacións cotiás, aínda que é certo que acusa certo lag cando se traballa con moitas aplicacións en multitarefa, algo que podería terse solucionado con un pouco máis de RAM.
Consideramos tamén que un terminal de hoxe en día debería apostar por un mínimo de 128 GB de capacidade interna, pero en todo caso a posibilidade de ampliar a memoria desde os 64 GB iniciais soluciona ese déficit para almacenar, por exemplo, as nosas fotografías ou vídeos.
A conectividade vén dada por LTE Cat 4 e WiFi, e ademais conta coas funcionalidades de VoLTE e VoWiFi. Tamén dispón de Bluetooth 5.0, conector USB de tipo C e jack de audio de 3,5 mm.
Pantalla
A súa pantalla é un panel LCD de 6,5 polgadas, protexido con Gorilla Glass Victus, a última versión de cristais protexidos de Gorilla Glass, e que ofrece unha boa representación de cor, aínda que con certa limitación nos ángulos de visión.
O brillo resulta suficiente, en termos xerais, para o seu uso en exteriores e entornos nos que a luz directa pode dificultar a lectura, aínda que se tería agredecido poder dispoñer dalgún punto máis de luminosidade.
Cámara
A cámara principal está formada por un conxunto de tres sensores. O principal, de 48 megapíxeles, ten unha apertura f/1.8, e está acompañado por un sensor macro de 2 megapíxeles e outro en branco e negro, tamén de dous megapíxeles. En canto á cámara frontal, o trebello está equipado cun sensor de 8 megapíxeles.
Se falamos da principal, trátase dunha cámara que ofrece unhas imaxes bastante nítidas en escenarios con boa iluminación, tendo en conta que estamos a falar dun terminal de gama media, pero que en momentos de escuridade introduce certos niveis de ruído. Algo similar acontece coa cámara frontal de selfies, aínda que neste senso temos que recoñecer que nos sorprendeu positivamente a nitidez acadada por esta.
A aplicación de cámara é unha ferramenta sinxela, que segundo a abrimos pon á nosa disposición o necesario para sacar fotografías a “un clic” de distancia, aínda que se queremos personalizar máis o disparo podemos dirixirnos aos diferentes menús.
Software
A nível software, motorola apostou por sacar ao mercado o terminal con Android 10, que se ben non é a última versión, o certo é que ofrecelo practicamente limpo e sen cargas de software fai que o dispositivo traballe fluído.
Batería
A súa batería é de 5.000 mAh de capacidade, e certamente resulta ser un dos puntos fortes deste terminal, xa que nos ofrece unha autonomía de máis de 8 horas de uso de pantalla, unha cifra moi relevante comparando coa media dos dispositivos que podemos atopar hoxe en día no mercado.
Ademais, dispón de carga rápida de 20W, coa que podemos recargar a batería ao 100% en aproximadamente unha hora e cuarto.
Conclusións
Para concluír, temos que dicir que o motorola defy pareceunos unha excelente opción para o público que busca un terminal resistente para o seu día a día, cunha fluidez aceptábel, unha batería extraordinaria e unha cámara que resolve ben en termos xerais.
Teríanos gustado atoparnos con máis algo máis de RAM ou memoria interna, e mesmo con conectividade 5G, mais ter introducido estos cambios tamén tería afectado ao prezo do dispositivo, polo que entendemos as razóns do fabricante para mantelas.
O motorola defy pódese adquirir por algo menos de 300 euros.