realme presenta a nova serie GT NEO 3, que inclúe unha edición especial Dragon Ball Z

realme anunciou esta semana o lanzamento da nova serie GT NEO 3, o seu buque insignia en velocidade, e que se compón do GT NEO 3 150W, GT NEO 3 80W, GT NEO 3T e GT NEO 3T Dragon Ball Z Edition. Entre as súas características máis destacadas atopamos un deseño diferencial de raias de competición, inspirado nas carreiras de coches, unha carga rápida de 150W e o procesador Dimensity 8100 5G.

O fabricante destaca o seu realme GT NEO 3 como o smartphone “coa carga máis rápida do mundo”, xa que ofrece carga Ultradart de 150W, co que consegue o 50% da batería en tan só 5 minutos de enchufe. Ademais, a batería ofrece un alto nível de seguridade certificado por TÜV Rheinland para o sistema de carga segura, e certifica unha capacidade de cando menos o 80% da carga tras 1600 ciclos completos de carga e descarga, o dobre do estándar da industria.

Por outra banda, trátase do primeiro smartphone que chega a Europa co procesador Dimensity 8100, baseado en fabricación de 5 nm de TSMC. Dispón de catro núcleos Cortex A78 a 2,85 GHz e outros catro Cortex A55 a 2,0 GHz, que acadan os 90 fps.

A súa pantalla é un panel AMOLED de 6,7 polgadas con resolución Full HD+ e taxa de refresco de 120 Hz, que ademais ten certificación HDR+, e a cámara traseira ten tres sensores: o principal, de 50 MP, con sensor IMX 766; un gran angular de 8 MP e un lente macro de 2 MP.

Pola súa banda, o realme GT NEO 3T é un terminal algo máis simple, que vén con carga rápida SuperDart de 80W e batería de 5.000 mAh de capacidade (50% da carga en 12 minutos). No seu interior leva un procesador Qualcomm Snapdragon 870 5G, e a súa pantalla é AMOLED E4 de 6,62 polgadas, con taxa de refresco de 120 Hz e resolución Full HD+. A súa cámara principal é de 64 MP, pero tamén leva un lente gran angular de 119º e un lente macro de 4cm.

Existe unha edición especial deste último modelo, o realme GT NEO 3T Dragon Ball Z Edition, equipado con fondos de pantalla e iconas personalizadas.

Dispoñibilidade e prezo

O realme GT NEO 3 – na súa versión de carga rápida a 150W – está dispoñíbel en Media Markt, El Corte Inglés, PcComponentes, Fnac, Amazon e na web realme.com en tres cores (azul nitro, branco sprint e negro asfalto), cunha única configuración de 12 + 256 GB por 699,99 €, aínda que até o próximo día 22 poderase adquirir por 649,99 € como promoción de lanzamento, na que tamén se inclúe de agasallo uns auriculares realme Buds Air 3.

A versión con carga rápida de 80W só se pode mercar en Amazon e en realme.com, na configuración de 8 + 256 GB, por 599,99 €. de maneira análoga, até o día 22 estará en promoción cos realme Buds Air 3 de agasallo, e un prezo reducido a 549,99 €.

En canto ao GT NEO 3T, pódese mercar en MediaMarkt, El Corte Inglés, PcComponentes, Fnac, Amazon e realme.com en amarelo dash ou negro por 429,99 € (8 + 128 GB) ou 469,99 € (8 + 256 GB), con prezos de lanzamento até o 22 de xuño de 399,99 e 429,99 €, respectivamente.

A edición especial Dragon Ball Z Edition será unha tirada limitada, dispoñíbel en Amazon, realme.com, El Corte Inglés, MediaMarkt e PcComponentes nunha única configuración de 8 + 256 GB por 499,99 €.

Sobre o autor

Reply