A operadora R xa dispón de cobertura 5G

A operadora galega R, unha das marcas do conglomerado do Grupo MásMóvil, vén de anunciar que xa dispón de conectividade 5G na súa rede móbil, unha novidade que moitas usuarias levaban moito tempo agardando. A nova é bastante significativa, porque a día de hoxe son poucas as operadoras (más aló das marcas principais dos grandes grupos: Movistar, Vodafone, Orange e Yoigo) que dispoñen de acceso a esta nova conexión.

Dispór de cobertura 5G supón, en termos xerais, unha maior velocidade de conexión, que no mellor dos casos pode chegar a multiplicar por 10 as velocidades do 4G coa tecnoloxía actual. Ademais, esta conectividade tamén ofrece un retardo moito menor e un menor consumo enerxético no terminal, o que se traduce en poder desfrutar dunha autonomía maior.

Para poder empregar esta nova cobertura 5G non é preciso facer nada, xa que está dispoñíbel por defecto en todas as tarifas que comercializa R, tanto as opcións só móbil como os produtos converxentes, e sen custes adicionais. O único necesario para poder desfrutala é contar cun terminal compatíbel coas redes 5G e, ademais, se non o temos feito xa, ter habilitada a conexión a este tipo de redes nos axustes do teléfono.

Ademais, a operadora sinala que nos últimos tempos duplicouse o número de antenas ás que se conectan as clientas de R, polo que chegan a moitos máis recunchos do país.

Sobre o autor

Reply